CRTVG

Buscar

Galicia roza os 3.000 casos activos e suma dúas falecidas máis nas últimas 24 horas

Publicado o 27/08/2020 15:08

• Unha delas morreu nun xeriátrico de Culleredo e a outra, no HULA

• A área de Lugo encabeza a suba de hoxe (+41), a de Santiago supera os 400 casos e a da Coruña, os 1.300 | Seguen aumentando tamén as hospitalizacións (+11)

Dúas persoas, unha delas nunha residencia, faleceron onte en Galicia por mor da covid-19. No tocante á evolución da pandemia, polo momento, hai 2.939 casos activos, 141 máis ca onte, segundo informou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Sitúanos en cifras semellantes ás de comezos de maio. 


Dúas falecidas en 24 horas

Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Unha muller de 93 anos finou na residencia de maiores de Orpea (Culleredo).

Tamén se rexistrou en Lugo o falecemento doutra muller de 93 anos que estaba ingresada no HULA e presentaba patoloxías previas.

Esta última é a quinta vítima mortal en Lugo nesta segunda vaga e non está relacionada co gromo rexistrado na residencia do Incio nin con ningún outro centro de maiores.

Con estes dous novos pasamentos, Galicia sufriu 635 falecementos no que vai de pandemia.

Evolución dos casos activos en Galicia

Os 2.939 casos repártense así por áreas sanitarias:

  • A Coruña: 1.304 (+29)
  • Lugo: 482 (+41)
  • Santiago: 404 (+22)
  • Ourense: 266 (+23)
  • Vigo: 185 (+8)
  • Pontevedra: 179 (+14)
  • Ferrol: 119 (+4)

Situación dos principais gromos

A área sanitaria da Coruña segue acumulando o 45% dos casos, malia que a curva vai aplanándose. Seguen os cribados masivos a mozos e hoxe reabriu a Torre de Hércules despois de desinfectala tras o positivo dun traballador. A Xunta recomedoulles aos concellos da comarca pechar parques e praias polas noites e extremar as precaucións nos centros cívicos e sociais.

Na área de Santiago e da Barbanza, o gromo de Melide suma 63 positivos. Na conservera Escurís de A Pobra detectáronse 11 infectados, 5 son traballadores. E o foco que xurdiu unha reunión familiar en Santa Comba, alcanza xa os 30 positivos e hai un cento de persoas en corentena.

A pandemia está a deixar pegada na localidade. Os locais de ocio están pechados, os parques tamén e o concello está a redobrar esforzos para atender as necesidades básicas das persoas que están confinadas, dos dependentes ou das persoas maiores.

No Centro Loxístico de Correos na Lavacolla confirmáronse 13 positivos, entre traballadores e contactos.

Na área sanitaria de Ourense hai 266 casos activos e rexistraron dous novos gromos familiares: 3 infectados en Melón e outros 3 en Verín. Como medida preventiva, Sanidade restrinxiu as visitas á residencia de maiores.

Hospitalizacións e UCI

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI (é unha persoa menos ca onte), 95 en unidades de hospitalización (+11) e 2.832 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.183 persoas curadas.

O número de PCR realizadas é de 317.307.

En ampliación.