CRTVG

Buscar

Galicia rompe a serie de descensos de casos activos tras case tres semanas

Publicado o 14/12/2020 09:31

• Soben os casos nas áreas de Santiago, Ferrol e Ourense

• Increméntase o número de persoas hospitalizadas (+16)

• A positividade mantense preto do 4 % logo dun aumento das PCR

 

Galicia rompe a serie de descensos de casos activos tras case tres semanas

Galicia volve sumar casos activos logo de 18 xornadas consecutivas en descenso. Hai no país 5.560 persoas contaxiadas (+39), segundo os datos consolidados onte ás 18:00 recollidos na web do SERGAS.

O incremento de casos é debido non tanto a un aumento de contaxios (a cifra é mesmo menor á de moitas xornadas de descenso, como as de finais de novembro, por riba dos 400), senón a unha baixada no número de altas, que desta vez foi de 326.

Por áreas sanitarias:

• Vigo: 1.304 (-13)

• A Coruña: 955 (-38)

• Pontevedra: 848 (-3)

• Santiago: 952 (+47)

• Ferrol: 563 (+30)

• Lugo: 486 (-12)

• Ourense: 452 (+28)

 

Sobe o número de persoas ingresadas

Tamén se incrementan as hospitalizacións nos centros do país. Segundo os datos do Sergas, permanecen en planta 310 persoas, 13 máis ca onte, e 55 nas UCI, tres máis ca onte. Seguimos en cifras próximas ás de finais de outubro.

O número de persoas falecidas non para de aumentar tampouco. Cos seis falecementos notificados onte polo Sergas, a cifra de vítimas da pandemia en Galicia acada as 1.312 persoas.

Incremento das PCR

Aumenta o número de probas PCR ata as 8.040, a maior cifra do último mes. Son 145 máis ca as probas notificadas onte. Destas, deron positivo 323, que significan cincuenta novos contaxios menos respecto aos de onte (373).

Así, a taxa de positividade desta xornada queda en 4,02 %, o cal consolida a positividade media da última semana arredor do 4,18 %. É case un punto menos do que a OMS recomenda como limiar máximo para dar a pandemia por controlada.

Mapa de incidencia acumulada por concellos