CRTVG

Buscar

Falece na Coruña unha muller de 88 anos que fora diagnosticada de covid

Publicado o 09/10/2021 19:40

O Servizo Galego de Saúde acaba de comunicar o falecemento dunha persoa que fora diagnosticada de covid. Era unha muller de 88 anos con patoloxías previas que se atopaba na Residencia Sanitas da Coruña.

No canto á situación epidemiolóxica, Galicia rexistra este sábado 554 casos activos de covid-19, 35 menos ca un día antes, nunha xornada en que se detectaron 23 positivos novos da enfermidade, o dato máis baixo no que levamos de mes.

Por áreas sanitarias, todas seguen en descenso e ningunha superou os 10 positivos novos. Tan só as da Coruña (152) e Vigo (110) pasan do centenar de casos.

Ingresos hospitalarios

Ademais, baixaron da decena as persoas ingresadas en unidades de críticos nos hospitais. Segundo o Servizo Galego de Saúde, ata as 18:00 horas do venres había 40 persoas ingresadas por covid-19 (-2); 9 delas en UCI (-1) e 31 en planta (-1).

Vigo leva desde o martes sen pacientes críticos. Ferrol, xa non os tiña desde o 20 de setembro e hoxe tampouco ten ningún ingresado en planta.

A área de Ourense tamén quedou nas últimas horas sen ingresados pola covid en unidades convencionais e só queda un enfermo en coidados intensivos.

A Coruña continúa sendo a área que máis pacientes ingresados ten: 12 en planta e 3 en coidados intensivos.

Desde o inicio da epidemia en Galicia contaxiáronse 182.525 persoas, das que se recuperaron 179.365 e faleceron 2.640.

Nova normalidade

Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este venres, Galicia rexistra unha incidencia de 17,9 casos por cada cen mil habitantes a catorce días, datos de nova normalidade (inferior a 25); mentres que a media de España é de 48,1 casos, xa en risco baixo.

Esta medianoite entraron en vigor na comunidade as novas medidas adoptadas pola Xunta tras a reunión do comité clínico do luns, que relaxan as restricións e permiten a ocupación de ata o 90 % da capacidade dos locais na maioría de actividades. 

Noticias web

09/10/2021