Falecen catro persoas nunha xornada en que Galicia rexistra 200 novos contaxios
• Baixan os casos activos en todas as áreas sanitarias agás en Ourense (+47) e Ferrol (+1)
Nas últimas horas faleceron catro persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Eran un home de 88 anos que estaba ingresado na Clínica Santa Teresa de Ourense; dúas mulleres, unha de 87 anos e outra de 85, que estaban ingresadas no Chuac (unha delas vinculada coa residencia El Pinar de Bergondo), e outra muller, de 87 anos, que estaba ingresada no Chus.
As tres mulleres sufrían patoloxías previas.
Cos catro novos falecementos notificados, a cifra total de vítimas por mor do virus en Galicia ascende a 769.
Por outra banda, Galicia rexistra este martes 4.119 casos activos, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
Isto supón 18 máis ca onte. Por outra banda hai 200 novos contaxios.
ÚLTIMA HORA | Galicia rexistra 200 novos contaxios e seguen subindo os casos activos en Ourense (+47). Toda a información aquí https://t.co/O4lpdoc068 pic.twitter.com/FN0IrBfpd9
— G24 (@G24Noticias) October 6, 2020
O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias é o seguinte:
• A Coruña: 818 (-2)
• Lugo: 493 (-2)
• Ourense: 1084 (+47)
• Pontevedra: 667 (-18)
• Vigo: 412 (-7)
• Santiago: 527 (-1)
• Ferrol: 118 (+1)
No tocante ás hospitalizacións, hai 35 persoas na UCI, 199 en unidades de hospitalización e 3.885 en seguimento domiciliario.
Dende o inicio da pandemia curaron 20.344 persoas e realizáronse 515.983 probas PCR.