CRTVG

Buscar

Galicia reivindica o papel fundamental das súas institucións estatutarias

Publicado o 28/05/2021 16:16

O Valedor do Pobo, o Consello da Cultura Galega e o Consello de Contas son as tres institucións que naceron grazas ao Estatuto de Autonomía. Con motivo do corenta aniversario da nosa norma, este venres reivindicouse o papel fundamental  desas tres institucións na construción do noso autogoberno.

Unha das actividades coas que o Parlamento de Galicia está celebrando o 40 aniversario do noso estatuto, foron estas xornadas para recoñecer o labor das tres institucións estatutarias. O valedor do Pobo, o Consello da Cultura e o Consello de Contas. Os seus responsables conversaron cos seus homólogos de España e de Portugal para estreitar lazos e tamén para comparar as experiencias destas institucións.

Asi, o director do Instituto Cervantes resaltou que o Consello da Cultura se puxera en marcha case á vez que o autogoberno, evidencia a aposta por unha identidade aberta e centrada na convivencia.
O vicepresidente primeiro da Xunta destacou o importante papel das tres institucións na mellora experimentada por Galicia nestas catro décadas. Do autogoberno dixo que aínda queda por facer, que "non é un traballo culminado".

O presidente do Parlamento reivindicou a capacidade de Galicia para preservar as ferramentas da promoción da súa cultura e para avanzar nun modelo de maior calidade democrática potenciando os mecanismos de control e intensificando a transparencia a través do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.
 

Noticias web

28/05/2021