CRTVG

Buscar

Galicia reforza o sistema sanitario ante o coronavirus

Publicado o 13/03/2020 15:16

• Hai 90 casos, seis na UCI

O presidente da Xunta convoca un Consello extraordinario para as seis desta tarde.Vai anunciar novas medidas de prevención e contención contra o coronavirus. Estas que ven son imaxes da videoconferencia que mantivo esta mañá Alberto Núñez Feijóo cos equipos sanitarios encargados de supervisar a afectación da pandemia en Galicia. Mantén contacto e coordinación con todos os hospitais galegos para loitar contra esta crise.

En Galicia hai 90 casos de coronavirus confirmados, segundo os datos que acaba de ofrecer o conselleiro de Sanidade. Almuíña di que estamos nun momento clave para frear a epidemia. Na Unidade de Coidados Intensivos están 6 pacientes e no hospital hai unha vintena. Mantéñense nos seus domicilios 64 persoas co virus, pero sen necesidade de atención hospitalaria.

A Consellería de Sanidade sitúa na primeira quincena de abril o pico máximo de incidencia da epidemia. Jesús Vázquez Almuíña di que estamos nunha fase clave para conter o virus. Por iso aconsellou manter certo illamento social para evitar os contaxios. En Galicia temos hoxe 90 casos confirmados de coronavirus. A maioría son leves e os pacientes están nos seus domicilios. Hai 6 na Unidade de Coidados Intensivos. 

Galicia reforza todos os servizos santarios para responder ás necesidades derivadas do coronavirus. Refórzase o persoal do 061, os servizos de urxencias e microbioloxía, as camas de UCI e reanimación e tamén os equipamentos necesarios. Repartiranse 70.000 máscaras e colocaranse cristais de separación para o persoal nos centros de saúde. Estamos nunha fase clave, di o conselleiro de Sanidade, en que o papel de cada un de nós é fundamental.

As mesmas recomendacións para nenos e adolescentes. Sobre as persoas que regresan de zonas de risco, entre elas Madrid, o País Vasco ou A Rioxa, durante 14 días deben evitar aglomeracións e, se teñen síntomas, comunicalo a través dos teléfonos habilitados.

Desde hoxe, os positivos confírmanse xa na propia comunidade nun prazo de tres horas. Non é necesaria a resposta de Madrid e as análises no caso de Galicia realízanse no propio domicilio do afectado.

Recomendacións tamén para evitar o colapso dos teléfonos habilitados. Os galegos temos todos os datos e a información sobre o coronavirus na web da Consellería de Sanidade. Polo tanto, chamar ao 900 400 116 só nos casos estritamente necesarios e reservar o 061 para as verdadeiras urxencias.

Noticias web

13/03/2020