CRTVG

Buscar

Galicia reduciu un 80 % as vítimas mortais de tráfico nas últimas tres décadas

Publicado o 16/06/2021 14:08

O número de falecementos en accidentes de tráfico diminuíu un 82 % en Galicia nos últimos trinta anos. É unha das comunidades autónomas que máis reduciu, nese período, a mortaldade na rede viaria. Por diante sitúanse Asturias (88 %), Castela-A Mancha e Castela e León (87 %), Cantabria (84 %) e Euskadi (83 %).

En cifras globais, España pasou dos 9.344 falecementos no 1989 aos 1.755 no 2019, o que representa unha redución do 80 %. Deste xeito, convértese no sexto país con menor taxa de decesos nas estradas, por detrás de Suecia, Irlanda, Malta, Dinamarca e Luxemburgo. No 2020 subiu á cuarta posición.

O carné por puntos, a mellora das estradas, os avances tecnolóxicos na automoción, a voz das asociacións de vítimas e a educación viaria son algúns dos factores que determinaron este descenso, segundo o libro Do infinito ao cero: así o fixemos. Trátase da maior retrospectiva sobre a seguridade viaria en España que se presenta esta tarde coa participación do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.

A publicación, editada polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro, e o director de Prevención e Seguridade viaria de Fundación Mapfre, Jesús Monclús, recolle os testemuños de máis de 50 protagonistas da seguridade viaria no país nas últimas tres décadas.

O libro pon de manifesto que España necesita "revitalizar" a súa política de seguridade viaria nos próximos anos para loitar contra o que se chamou "esgotamento" de certas medidas, e incide na importancia de poñer o foco nos axentes vulnerables (peóns, ciclistas, motociclistas e usuarios de patinetes). No 2001 representaban o 32 % dos falecementos e no 2019 o 53 % do total.

Tamén aposta pola promoción dos desprazamentos activos e sostibles, como a bicicleta; poñer especial atención á nova mobilidade, coma os vehículos compartidos, e promover unha maior coordinación en mobilidade nacional, europea e mundial e lograr o obxectivo cero no menor tempo posible.

Noticias web

16/06/2021