CRTVG

Buscar

Galicia reduce o ritmo de contaxios, pero continúan subindo as hospitalizacións

Publicado o 03/11/2020 10:08

• Os ingresados con covid-19 seguen en ascenso (+22)

Este luns faleceron 21 persoas, a peor cifra da segunda vaga

Galicia reduce o ritmo de contaxios nesta xornada, segundo os datos consolidados onte ás 18.00 do Sergas publicados na súa web. Houbo 425 positivos confirmados por PCR, o que deixa a cifra de contaxiados no país en 9.376, 84 casos activos máis ca onte.

Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos queda:

• Vigo: 2.126 (+54)

• A Coruña: 1.603 (+28)

• Santiago: 1.348 (-12)

• Ourense: 1.272 (-27)

• Pontevedra: 1.082 (+33)

• Ferrol: 982 (+28)

• Lugo: 963 (-20)

A presión hospitalaria, en aumento

A presión hospitalaria segue crecendo semana tras semana. Agora mesmo en Galicia hai 466 persoas hospitalizadas, 20 máis ca onte, e 79 nas UCI (+2).

Son cifras realmente preocupantes, sobre todo cando botamos a vista atrás. Se vemos os datos de hai só dúas semanas, no día 20 de outubro había hospitalizadas en planta 277 persoas e en UCI, 47. A curva de hospitalizacións é cada vez máis empinada.

Menos PCR do normal

As PCR feitas ata o día de onte son 706.326, o que son 5.973 máis ca antonte. Unha cifra significativamente menor ca o volume habitual das últimas semanas. Curiosamente, esta caída coincide en martes do mesmo xeito que baixadas previas.

Falecementos

Na xornada de onte rexistráronse 21 falecementos vencellados á covid-19 en Galicia. É a cifra máis alta da segunda vaga e das máis altas de toda a pandemia. Con esta vintena de pasamentos, Galicia suma xa 944 vítimas do coronavirus.

Mapa de niveis de alerta