CRTVG

Buscar

Galicia, en risco baixo ao lograr reducir a incidencia do coronavirus e ningún concello con restriccións altas

Publicado o 09/06/2021 21:11

• A incidencia da covid-19 sitúase nos últimos 14 días por debaixo dos 50 casos por 100.000 habitantes

• Os casos activos caen ata os 1.679 (-50), e soben só nas áreas de Ourense (+1) e Ferrol (+1)

• O Sergas notificou o pasamento dunha muller de 71 anos

A partir do sábado en 308 dos 313 concellos galegos rexeran as medidas básicas anticovid. Non estará ningún con restrición de nivel máximo ou alto. E só cinco manterán limitacións de nivel medio: Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove.

Para a alcaldesa de Mos é unha gran noticia que o concello baixara ese novo chanzo. Nidia Arévalo confía en seguir avanzando cara a normalidade que tiñan antes do gromo que puxo o municipio nunha situación moi delicada.
Pero a melloría máis salientable é a da Pobra do Caramiñal. Nunha semana pasou de estar perimetrada canda Mos a ter as restricións mínimas da maioría dos municipios.
O conxunto de Galicia está xa en risco baixo de covid. A incidencia acumulada a dúas semanas baixou dos 50 casos por cen mil habitantes. Por áreas sanitarias só a de Vigo e Lugo superan esa taxa. Pero nas cidades custa máis baixar a incidencia. É o caso de Ourense, onde medra a pesar da caída dos contaxios no conxunto da provincia.

"Están afectando sobre todo xente nova, especialmente no concello de Ourense que agora concentra o 50% dos casos que temos na provincia, 83 dos 164 totais", explicaba o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

Unha vez en risco baixo, o reto de Galicia é agora avanzar cara á nova normalidade que se consegue cando a taxa de incidencia é menor de 25 casos por cada cen mil habitantes. As autoridades sanitarias confían en logralo co avance na porcentaxe de poboación vacinada e a colaboración e responsabilidade cidadá.

Mantense a boa evolución epidemiolóxica outra xornada máis, a 18 consecutiva con redución de casos activos. A baixada no número de novos positivos detectados nas últimas semanas foi reducindo a incidencia acumulada progresivamente, que hoxe baixa dos 50 casos por 100.000 habitantes a catorce días, o limiar do risco baixo. 

Hai 1.679 persoas con covid-19, segundo o Sergas, 50 menos ca onte, tras 71 novos positivos detectados.

Por áreas sanitarias, a repartición sería a seguinte:

A Coruña: 331 (-4)

Ferrol: 96 (+1)

Lugo: 208 (=)

Ourense: 164 (+1)

Pontevedra: 186 (-7)

Santiago: 253 (-30)

Vigo: 441 (-11)

Mellora nos ingresos en planta

Baixa o número de pacientes ingreados pola covid-19 e Galicia. Hai 71, dos cales 56 están en planta (-9) e 15 nas UCI (+1). Os datos relativos a planta son os mellores dende 19 de agosto.

O Sergas notificou este mércores o pasamento dunha muller de 71 anos no CHUVI que presentaba patoloxías previas. Con ela, o número total de falecementos por mor da covid ascende a 2.428 desde o comezo da pandemia en Galicia.

Baixa a positividade

Das 4.915 probas PCR, deron positivo 68, o que implica unha taxa de positividade do 1,38 %. É unha diminución de máis dun punto respecto a onte -2,55 %-.

Mapas de incidencia por concellos