CRTVG

Buscar

Galicia recupera os fogos de artificio a partir deste sábado

Publicado o 08/07/2021 22:05

• A Xunta condiciona a celebración de concertos de máis de mil persoas á incidencia do propio día do evento

• Reabre as prazas de touros e salóns recreativos e relaxa as medidas nos parques de atraccións | Consulta aquí o DOG

 

Galicia recupera os fogos de artificio a partir deste sábado
EP

A Xunta decidiu reabrir as prazas de touros e circos e volver permitir os espectáculos taurinos, circenses, feiras e exhibicións e os espectáculos pirotécnicos desde este sábado ás 00:00 horas, coa entrada en vigor do Diario Oficial de Galicia (DOG). Desta forma, os fogos artificiais volverán estar permitidos en toda a comunidade autónoma a escasas semanas do espectáculo previsto na capital galega con motivo da celebración do 25 de xullo, que este 2021, Ano Xacobeo, estará descentralizado en varios puntos da cidade, conforme anunciou precisamente este xoves o Concello de Santiago.

Doutra banda, o DOG-bis publicado este xoves a última hora da tarde, tras a reunión do comité clínico do martes, suprime, segundo o texto recollido por Europa Press, o "peche temporal" que rexía para os mencionados espectáculos públicos, e por tanto pódense programar espectáculos taurinos. Os máis coñecidos son os que se celebran na praza de touros de Pontevedra cada mes de agosto, coincidindo coas festas da cidade. Á marxe das propias actividades, reabren estes centros, que, precisamente no caso da praza pontevedresa, tamén teñen outros usos públicos, como a celebración de eventos tanto culturais coma políticos.

Outra das decisións do comité clínico que se aprecian no Diario Oficial de Galicia ten que ver cos parques temáticos e de atraccións. No caso dos concellos de máximas e altas restricións, seguirán pechados. Nos de nivel medio e medio baixo, poderán realizar a súa actividade co 50 por cento de capacidade e está recomendado que os grupos non superen as 15 persoas excepto en caso de conviventes.

As novidades principais son a relaxación dalgúns requisitos. Así, suprímense as restricións nos usos de lavapés, tanto ao aire libre como nas instalacións pechadas (antes estaba limitado). Tamén desaparecen os requisitos no uso de flotadores ou outros elementos nas atraccións, que ata agora era obrigatorio que fose individual, salvo en caso de menores ou persoas que necesitasen asistencia. Finalmente, tamén desaparece o requisito de que todos os obxectos persoais, toallas, hamacas e similares en estancia e espazos comúns debían manter a distancia de seguridade interpersoal con respecto a outros usuarios.

Mantéñense os mesmos requisitos de uso da máscara que había ata agora e segue sendo necesaria a limpeza intensiva das instalacións e manter as normas xerais de seguridade.

A Xunta condiciona concertos de máis de mil persoas á incidencia do propio día do evento

Os espectáculos musicais ao aire libre con máis de mil persoas só se poderán celebrar nos concellos coa incidencia máis baixa, xa sexa con público de pé ou sentado. Á parte, o Goberno autonómico pon un novo condicionante: a incidencia acumulada no propio día do evento.   Isto supón que no caso de que se dispare esta, a ocupación do evento quedaría automaticamente limitada a menos de mil persoas. Deste xeito, permítese incluír unha condición sen que previamente teña que reunirse o comité clínico que asesora á Xunta para modificar a listaxe de concellos do semáforo de risco. Concretamente, segundo figura no Diario Oficial de Galicia (DOG)-bis publicado este 8 de xullo, o día dun concerto de máis de mil persoas a incidencia acumulada a 14 días non pode superar os 150 e a incidencia acumulada a sete días ten que estar por baixo de 75 casos por cada 100.000 habitantes.

As celebracións e eventos en establecementos de restauración programados para esta fin de semana, días 10 e 11 de xullo, poderán manter o número de participantes previsto con anterioridade. Desta maneira, vodas, comuñóns ou outros festexos que teñan lugar en concellos con novas restricións non se verán afectados se estaban xa programadas antes do 9 de xullo. Iso si, esta moratoria na aplicación das normas que establece o Diario Oficial de Galicia (DOG)-bis só afecta a esta fin de semana.  

"Nos concellos que soben o seu nivel de restricións, non serán aplicables as limitacións que sexan consecuencia da referida elevación de nivel", sinala o DOG, aínda que precisa que terán que ser comunicados polos titulares dos establecementos á correspondente xefatura territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan "adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes". 

Niveis dos concellos

A partir do próximo sábado, estarán en nivel medio os municipios de Pontevedra, Ourense (un dos que sobe de nivel), Culleredo (sobe), Ribadavia, Barbadás, Poio, Marín (sobe), Redondela (sobe), Salceda de Caselas (sobe) e Caldas de Reis (sobe). Nestes concellos a hostalaría ten unha ocupación do 50 por cento nas terrazas e do 30 por cento en interiores. Con mesas de 15 fóra e de seis comensais dentro.  

En nivel alto de risco permanecerán desde o sábado os municipios da Illa de Arousa (sobe de nivel), Vilagarcía de Arousa (sobe de nivel), Cambados, Vilanova de Arousa e Sarria. Neles, a hostalaría só pode abrir ao 50 por cento nos exteriores.-

Noticias web

08/07/2021