CRTVG

Buscar

Galicia recibirá 30.000 doses da vacina de AstraZeneca a finais desta semana

Publicado o 03/03/2021 20:36
Galicia recibirá 30.000 doses da vacina de AstraZeneca a finais desta semana

Galicia recibirá ao redor de 30.000 doses da vacina elaborada pola farmacéutica Oxford-AstraZeneca a finais da presente semana. Así llo confirmou a Ministra de Sanidade Carolina Darias ao máximo responsable da sanidade galega Julio García Comesaña durante a xuntanza mantida esta tarde no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Con estas novas doses, a Xunta de Galicia poderá seguir avanzando no proceso de vacinación iniciado o pasado 27 de decembro e así acelerar o seu ritmo á hora de administrar as doses. Neste momento, a comunidade autónoma galega xa ten administradas un total de 233.316 doses. Nomeadamente, 184.620 doses de Pfizer, 6.367 de Moderna e 42.329 de AstraZeneca.

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde xa vacinou coa primeira das doses 115.163 galegos e galegas, aos que hai que engadir as 59.072 persoas ás que xa se lles administrou a pauta completa.

Neste momento a Xunta de Galicia está a vacinar cunha maior intensidade as preto de 234.000 persoas que conforman a poboación de maiores de 80 anos. Ata o de agora, xa foron 42.594 persoas desta franxa de idade as que recibiron a primeira dose.

Así mesmo, no que atinxe á estratexia de vacinación que está a levar a cabo Galicia, a Xunta continúa coa vacinación dos grandes dependentes, o persoal docente, o persoal sanitario de clínicas privadas, os inspectores sanitarios, os facultativos do IMELGA, os membros da Policía Nacional e Autonómica, bombeiros, persoal funcionario non sanitario das institucións penitenciarias, os profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o persoal dos centros de día. 

Este ritmo de vacinación sitúa na actualidade a Galicia no terceiro posto das comunidades autónomas que maior número de doses administraron en relación ás vacinas recibidas.

Noticias web

03/03/2021