CRTVG

Buscar

Galicia recibe 8.300 vacinas de Janssen que destinará a grandes dependentes

Publicado o 21/04/2021 11:53

• Galicia para este xoves a vacinación masiva e administrará Janssen e Pfizer nos domicilios

Galicia recibe 8.300 vacinas de Janssen que destinará a grandes dependentes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou de que este mércores Galicia recibirá un total de 8.300 vacinas de Janssen, dentro das 150.000 que ten previsto repartir o Ministerio de Sanidade entre as comunidades autónomas, despois de que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) lle dera o aval.

Na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico, explicou que estas doses se aplicarán esta mesma semana nos pacientes que están en domicilio porque é "especialmente adecuada" para os que non poden ir a centros de saúde, os grandes dependentes.

Comesaña dixo que as vacinas que van chegar de Janssen son as que estaban previstas para a semana pasada, antes da súa paralización, e engadiu que en Galicia se administraron ata onte máis de 914.000 vacinas en total.

Este xoves para a vacinación masiva

A Xunta de Galicia anunciou que este xoves non haberá vacinación masiva contra a covid-19 porque empregarán a xornada para a administración dos soros de Pfizer e Janssen nos domicilios.Para o proceso nos grandes recintos, segundo fontes da administración, porque "non hai tantas vacinas aínda como para facer masivas todos os días". Así, na xornada de mañá haberá inmunización en centros de atención primaria, hospitais e nas propias vivendas.