Galicia prohibirá os cubertos e vasos de plástico no 2020
• Os restaurantes deberán entregar a comida sobrante aos clientes
Galicia quere darlle a batalla ao plástico antes dos tempos fixados pola Unión Europea. A Xunta prepara unha lei para prohibir os cubertos desbotables a partir do ano que vén. Tamén prevén obrigar os restaurantes a darlles aos clientes a comida sobrante.
A nova Lei de residuos de Galicia, prevé a Xunta, entrará en vigor o ano que vén. A partir de entón, aquí non se poderán vender pratos, cubertos, vasos ou bandexas de plástico.
A mesma lei incluirá a obriga de que os restaurantes lles entreguen aos clientes a comida que non consuman en envases que non sexan, por suposto, de plástico. O texto recolle o obxectivo de reducir os residuos de alimentos nun 30 % no ano 2025.
O reto é que dentro de quince anos evitemos ou reciclemos o 90 % dos residuos domésticos que producimos actualmente.
Autorizado o enlace da vía Ártabra ata a AP-9
O Goberno galego tamén autorizou hoxe o gasto para as obras da primeira fase da prolongación da vía Ártabra ata a AP-9. Aprobaron case 30 millóns de euros para poder licitar os traballos as vindeiras semanas. O investimento total na conexión desta vía coa autoestrada do Atlántico será de 35 millóns de euros.
Visto e prace ao campus da FP de Ourense
Feijóo tamén avanzou que van licitar este ano as obras do Campus da FP en Ourense. No centro investiranse case dez millóns de euros, cinco achegaraos a Deputación e o resto a Xunta.