CRTVG

Buscar

O Sergas prevé ter vacinado o grupo de 70 a 79 esta semana, polo menos cunha dose

Publicado o 28/04/2021 13:27

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, agarda que este semana todas as persoas de entre 70 e 79 anos teñan administrada, polo menos, unha dose da vacina contra a covid-19.

Na rolda de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, asegurou que esa é a previsión do Sergas tras superar este martes o “fito histórico” do millón de doses inoculadas no conxunto da poboación.

Segundo explicou, puxéronse 1.037.829 unidades polo que en Galicia hai 742.000 persoas cunha dose e 272.764 con toda a pauta. Ademais, subliñou que case o 99 % do colectivo maior de 80 anos está inmunizado, aínda que só o 75 % de xeito completo.

No grupo dos 70 aos 79 anos, a porcentaxe de persoas que recibiu polo menos unha dose da vacina é do 75 %, pero as autoridades sanitarias agardan completar a totalidade do colectivo esta mesma semana.  

Este xoves está prevista unha vacinación masiva con AstraZeneca para 15.000 persoas pola mañá, e 14.000 persoas pola tarde con Pfizer.

No tramo que vai dos 60 aos 69 anos, a porcentaxe que recibiu unha dose é do 34,5 %, a maioría con idades comprendidas entre os os 65 e os 69.

Para o grupo de 60 a 65 anos, o  Servizo  Galego de  Saúde (Sergas) segue pendente da chegada de vacinas de AstraZeneca e, se hai "suficientes", administraríanse a semana vindeira.

Segunda dose de AstraZeneca

Porén, o conselleiro lembrou que estas vacinas tamén se van empregar para poñerlle a segunda dose ás persoas vacinadas coa primeira hai dez semanas. De feito, en pouco tempo, cumprirase o prazo de doce semanas previsto para completar a pauta.

O Sergas está "a valorar" a situación, "pendente" do que poida concluir o Ministerio de Sanidade no Consello Interterritorial de Saúde esta tarde. García Comesaña insistiu na necesidade de "resolver que vai pasar coas segundas doses" desta vacina.

Esta semana chegaron a Galicia 143.900 doses de Pfizer, 14.500 de Moderna e 5.900 AstraZeneca. Ademais, está prevista a recepción de 7.200 de Janssen esta mesma tarde.