CRTVG

Buscar

A Xunta prevé que Galicia abandone o estado de alarma o vindeiro luns

Publicado o 10/06/2020 13:10

• A taxa de contaxios na última semana é a máis baixa de España: 0,4 por cada 100.000 habitantes | Simón cre que se a proposta é xustificada poderá saír da alarma polo seu traballo "excelente" | Madrid e Barcelona non pedirán o cambio á fase 3

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que traballa na posibilidade de deixar sen efecto o estado de alarma polo coronavirus o vindeiro luns, decisión que se adoptaría na reunión do seu gabinete este venres.

Durante unha visita a unha empresa de impresión 3D en Nigrán, Feijóo concretou que como autoridade delegada do Goberno fará esa proposta a teor de que Galicia foi no últimos sete días a comunidade autónoma coa taxa de contaxios máis baixa de España: 0,4 por cada 100.000 habitantes.

"Se seguimos con esta taxa de control do virus, probablemente a partir do luns o estado de alarma quedaría anulado en Galicia e entrariamos nunha situación social e económica normal, con algunhas cautelas desde o punto de vista sanitario", proclamou Feijóo.

As cifras actuais permiten "albergar esperanzas fundadas" de decidir na reunión do Consello da Xunta deste venres poñer fin ao estado de alarma na comunidade autónoma. Pero todo, insistiu, está a expensas de que a taxa de contaxios manteña a tendencia actual de aquí ao venres.

Ademais, Feijóo lanzou unha "mensaxe de cautela" á poboación galega: "O virus segue aí, as posibilidades de rebrote seguen aí, os riscos de contaxio seguen latentes". "O fundamental", recalcou, "é saber que se cumprimos as normas, a distancia física, o lavado continuado das mans e o uso da máscara (...) estou convencido de que gañaremos a pandemia definitivamente ata que haxa unha vacina".

O presidente da Xunta presumiu da "responsabilidade" exhibida polos galegos á hora de respectar o confinamento e o resto de normas ligadas á alerta sanitaria, síntoma "dunha sociedade moderada e comprometida".

Tamén tivo palabras de recoñecemento para os traballadores de servizos esenciais e en especial para os dos ámbitos sanitario e sociosanitario, cuxa labor, dixo, fan de Galicia "unha das terras máis seguras durante a pandemia de todas as rexións europeas".