CRTVG

Buscar

Galicia, preparada para comezar a vacinación este domingo en Santiago

Publicado o 26/12/2020 13:46

• As 500 doses que veñen no primeiro envío permitirán inmunizar 250 anciáns e traballadores |Prevese que o luns chegue un segundo envío con 18.000 doses máis

• As vacinas viaxan cara as distintas comunidades autónomas

 

Día de preparativos nesta residencia compostelá Porta do Camiño a unhas horas de que comecen a vacinarse os seus residentes. E é que as primeiras doses da vacina de Pfizer que recibe a comunidade destínanse a este centro. No primeiro envío veñen 500 doses, que permitirán inmunizar 250 anciáns e traballadores. O Sergas decidiu comezar nesta área sanitaria por ser a zona que rexistra a maior incidencia de casos. Todo está preparado para comezar a vacinación este domingo.

Prevese que o luns chegue un segundo envío con 18 mil doses máis, pero non poderán empregarse ata o martes, debido ao tempo que precisa o fármaco para desconxelar antes de ser administrado. Será entón cando se despregue o plan de vacinación nas residencias de anciáns de toda Galicia.
O obxectivo da primeira fase é vacinar o persoal e os usuarios das residencias de maiores, un total de 37 mil persoas. Despois tocaralle ao persoal sanitario que traballa nas plantas de covid e estenderase aos profesionais de urxencias, UCI e centros de saúde.


Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "Queremos que cheguen canto antes. Está todo preparado, toda a loxística, que é complicada, porque hai que conservala a unha temperatura determinada e ten unha serie de requisitos para o seu transporte pero todo eso está listo".

Galicia agarda recibir un lote semanal cada luns. Almacenaranse nun único centro de distribución e dende aí transportaranse, en furgóns adapatados e dentro de caixas isotérmicas, as doses que se vaian utilizar cada día nos distintos puntos do país.

 

 

Noticias web

26/12/2020