Galicia, por riba dos 500 positivos por terceiro día cunha repunta de ingresos
• Os casos activos sitúanse en 4.561 (+393)
• Aumentan os pacientes en hospitais ata os 67 (+8)

As festas de San Xoán e de fin de curso, canda os botellóns das últimas semanas, seguen a deixar a súa pegada na transmisión descontrolada da covid−19 en Galicia. As persoas infectadas por coronavirus xa son 4.561 (+393) despois de que se diagnosticasen máis de medio milleiro de positivos nas últimas 24 horas por terceiro día consecutivo: 519. Iso si, cun descenso de 136 sobre o día anterior.
Ademais e malia que a vacinación está a ser un dique de contención para contrarrestar este avance de contaxios da quinta vaga, nesta xornada hai unha repunta da presión asistencial, con 67 enfermos nos hospitais, que son oito máis en 24 horas. O aumento é de pacientes en planta, que superan outra vez o medio cento, con 56 (+9), pero hai unha persoa menos ingresada en UCI e quedan 11 nas unidades de críticos.
E despois de que o Sergas non notificase novos falecementos por covid−19 na tarde do domingo, a cifra de mortos durante a pandemia desde marzo de 2020 en Galicia é de 2.439 persoas.
Situación por áreas sanitarias
As infeccións por coronavirus seguen á alza en todas as demarcacións sanitarias, coas subas mais destacadas de case un cento de casos activos en Ourense e en Vigo. As hospitalizacións teñen o maior aumento na Coruña, con catro pacientes máis, e en Vigo, con tres, e só hai un enfermo menos ingresado en Pontevedra. O dato positivo segue a estar nas UCI, libres de pacientes con covid−19 nas áreas de Ourense, Santiago e Vigo.
A Coruña: 883
Vigo: 960
Pontevedra: 786
Ourense: 823
Santiago: 484
Lugo: 447
Ferrol: 178