CRTVG

Buscar

Falecen catro persoas por coronavirus nunha xornada de descenso de casos activos (-51)

Publicado o 07/10/2020 20:00

• Soben os casos activos nas áreas sanitarias de Ourense e Santiago, baixan no resto

• Douscentos novos contaxios nas últimas horas

Falecen catro persoas por coronavirus nunha xornada de descenso de casos activos (-51)

O Sergas notificou esta tarde o falecemento de catro persoas por coronavirus. Eran unha muller de 66 anos que estaba ingresada no CHOP, unha muller de 91 anos que estaba ingresada no Hospital de Verín, un home de 81 anos tamén ingresado no Hospital de Verín e unha muller de 90 anos que estaba ingresada no CHUVI. Todas elas presentaban patoloxías previas.

Xa son 773 vítimas no que vai de pandemia, 154 nesta segunda vaga.

Baixan os casos activos, soben os contaxios

Galicia rexistra este mércores 4.068 casos activos, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 51 casos activos menos ca onte. Por outra banda, hai 200 novos contaxios.

O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias é o seguinte: 

• A Coruña: 787 (-31)

• Lugo: 486 (-7)

• Ourense: 1123 (+39)

• Pontevedra: 630 (-37)

• Vigo: 390 (-22)

 Santiago: 544 (+17)

• Ferrol: 108 (-10)

No tocante ás hospitalizacións, hai 34 persoas na UCI, 185 en unidades de hospitalización e 3.849 en seguimento domiciliario. Dende o inicio da pandemia, curaron 20.591 persoas e realizáronse 523.412 probas PCR.