CRTVG

Buscar

Galicia permitirá a caza entre o 17 de outubro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022

Publicado o 05/05/2021 13:08
Galicia permitirá a caza entre o 17 de outubro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se determina o período hábil para exercer a caza na comunidade autónoma. Segundo establece, as actividades cinexéticas permítense, de xeito ordinario, entre o 17 de outubro de 2021 e o 6 de xaneiro de 2022.

Ademais de fixar os marcos temporais, o texto determina as medidas de control por danos, os réximes especiais, os métodos autorizados e calquera outro tipo de limitación xeral ou particular.

A tempada 2021-2022 en Galicia arranca o 1 de agosto de 2021 e pecha o 31 de xullo de 2022, cun período hábil comprendido entre os días mencionados. As xornadas de caza serán os xoves, domingos e festivos estatais e autonómicos.

Entre as novidades da resolución está a retirada da prohibición de caza e de adestramento de cans e aves de cetrería nos terreos de monte veciñal mancomunado de dúas parroquias de Mazaricos (A Coruña).

Así mesmo, prohíbese outro ano máis a caza de rulas en todo o territorio galego, seguindo co plan de xestión adaptativo para a nova tempada.