CRTVG

Buscar

Galicia perdeu o 40 por cento da superficie de piñeiral nuns vinte anos

Publicado o 25/10/2021 12:39

Unha plantación próxima a Santiago con piñeiros que teñen uns catro anos de vida pdería ser mostra do que procura a Fundación Arume, na que participa toda a cadea forestal, para acrecentar o valor desta árbore e que sexa atractiva economicamente para o dono do monte. No que vai de século, a plantación masiva de eucalipto acabou cun corenta por cento de piñeiral.

Ismael Olveira, secretario da Fundación Arume: "O retroceso da masa de piñeiro segue aí. A maiores temos algunhas ameazas sanitarias; o nematodo polo sur, as bandas polo norte, e todo iso fai que teñamos que actuar e facelo de maneira urxente. A longo prazo, se non facemos nada teremos serias dificultades en dispoñer de materia prima para o futuro. Por iso animamos os propietarios a que invistan no monte, que planten piñeiros. Cremos que o piñeiro vai ser unha boa alternativa para o propietario".

O obxectivo, di Olveira, é lograr unha madeira de calidade boa, valorada polo mercado e, en consecuencia, máis rendible para quen a produce e engade: "Temos que buscar unha planta que medre máis rápido, que sexa alternativa económica para o propietario, pero tamén implantar modelos silvícolas apropiados. Se o facemos xa hai futuro para os propietarios e para a industria. Temos que pensar que en Galicia aínda quedan 250 serradoiros e que en moitos lugares de Galicia son a única fonte de riqueza, a única forma de traballo".

Ante un mercado con moita demanda, que valoriza esta madeira e con moi boas perspectivas a anos vista, o 27 de outubro vai ver a luz a marca de garantía Pino de Galicia. De aquí saen xa, por exemplo, embalaxes de luxo para viños ou perfumes e co selo impulsado pola Fundación Arume perséguese tamén avanzar na segunda transformación e que esta materia prima deixe en Galicia máis valor engadido.

Noticias web

25/10/2021