CRTVG

Buscar

Galicia medra en contaxios e recomenda xuntanzas só de conviventes

Publicado o 17/12/2020 08:57

• Aconsella xuntanzas dunha soa unidade familiar, pero permite dúas

• Propoñen seis persoas como máximo sen contar menores de 10 anos

• Galicia fará tests a estudantes e viaxeiros que cheguen de zonas de risco

• Feijóo pide responsabilidade ou "ningún protocolo será útil"

Galicia estará pechada perimetralmente desde 23 de decembro ao 6 de xaneiro. Non será posible entrar agás por motivos xustificados. Ademais, a recomendación do Comité clínico do Sergas é que as reunións familiares se produzan no ámbito dunha "unidade familiar de conviventes".

Así o acaba de indicar o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na conferencia de prensa para dar conta do plan de Nadal disposto pola Xunta.

Segundo puntualizou, se nalgunha ocasión é preciso incorporar algunha persoa adicional  a esa unidade familiar, "a recomendación é que non exceda de dúas unidades familiares, tendo especial consideración con maiores que viven sós", e cunha suma máxima, en calquera caso, de seis persoas, non contando menores de 10 anos (incluíndo tamén os de 10).

"Celebremos doutra maneira"

"Este é o último Nadal sen vacina, non tiremos pola borda todo o traballo feito", dixo o conselleiro, que pediu "que se celebren as cousas doutra maneira. Non nos relaxemos, non vale a pena, vivamos un Nadal con sentidiño".

Nese sentido, subliñou: "Non nos fagamos trampas ao solitario reuníndonos con unidades diferentes o 24, o 25, o 31 e o 1".

García Comesaña engadiu que as xuntanzas familiares serán, "preferentemente, ao aire libre, ou con xanelas abertas, e por tempo limitado". Especificou que se dispoña "unha mesa grande para permitir a distancia de metro e medio entre os comensais, con máscara sempre que sexa posible". Ademais, aconsellou como medida de protección que a mesa sexa posta por unha única persoa e que esta cumpra escrupulosamente co hábito de desinfectar ben as mans.

"Non tiremos pola borda todo o traballo feito e todo o esforzo. Pídolles que neste Nadal se celebren as cousas doutra maneira. Non nos relaxemos, non vale a pena. Poñamos máis que nunca un Nadal con sentidiño", pediu Comesaña. 

Rexistro de viaxeiros e probas aos estudantes

Por outra banda, o conselleiro lembrou a obrigatoriedade de cumprimentar os rexistros de viaxeiros para quen se desprace aquí desde comunidades cunha incidencia acumulada maior de 250 casos por 100.000 habitantes.

No caso dos estudantes que regresen ás súas casas, o control deberá ser maior. Isto é, tanto para os que cheguen doutros puntos de Galicia como para os que veñan doutras comunidades, a recomendación do comité clínico é que se fagan unha proba diagnóstica.

As medidas non son definitivas. Poderán modificarse en función de como evolucione a pandemia en Galicia.

O propio presidente Feijóo insiste neses mesmos aspectos. Chama á responsabilidade de cada un, porque están subindo os casos nos últimos días. E avisa de que, se é necesario, haberá máis restricións aínda que esteamos no Nadal.