Galicia pecha agosto cunha ocupación media do 85 por cento impulsada polo turismo español
Santiago e a vila andulaza de Tarifa son os dous destinos con mellores cifras comparativas de toda a tempada turística española, neste 2021. En xeral, en Galicia, os datos do sector turístico galego convidan ao optimismo. A ocupación chegou nalgúns puntos ao cen por cento e Galicia bateu marcas co turismo nacional.
Galicia é destino de moda, e iso reflíctese nos datos que deixa o sector turístico. A ocupación foi dunha media do 85 por cento. Unhas cifras que colleron por sorpresa os hostaleiros, que despois duns meses moi duros debido á pandemia empezan a respirar con certa tranquilidade. E non só este mes de agosto foi excelente, as reservas que se están a realizar para setembro tamén convidan ao optimismo. O turismo nacional é o que está a engrosar os datos. O 70 por cento dos visitantes foron españois.
Un verán moi bo e con boas expectativas de aquí adiante é a mensaxe de optimismo da Xunta e o sector turístico en Galicia. Boas perspectivas que veñen avaladas por uns datos imprevisibles que sorprenderon positivamente o sector. Nalgúns casos a ocupación chegou mesmo ao cen por cento.
As medidas de seguridade ante a pandemia, o Xacobeo e os numerosos encantos da nosa comunidade fixeron que o turismo nacional volva apostar por Galicia.
Despois de bater cifras co turismo nacional Xunta e hostaleiros entregaranse agora a posicionar Galicia para recuperar tamén o ansiado turismo internacional.