CRTVG

Buscar

Galicia pasa á fase 3 o próximo luns, momento en que a Xunta tomará o control da desescalada

Publicado o 06/06/2020 15:33

• Feijó prevé a mobilidade polas catro provincias, pero pide aclarar as competencias

• Sanidade non recomenda o tránsito entre comunidades ata a nova normalidade

• O Goberno aceptou todas as peticións de avance na desescalada

Máis do metade do país entra este luns na terceira e derradeira fase da desescalada.
Galicia será unha das once comunidades que estrean de xeito íntegro esta nova etapa. Tamén o farán parte de Cataluña e de Castela-A Mancha.

Ademais, a comunidade de Madrid, a área metropolitana de Barcelona e Castela e León entran en fase 2, na que tamén seguirán unha semana máis por decisión propia a Comunidade Valenciana, Ceuta e tres provincias manchegas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prevé a apertura da mobilidade polas catro provincias galegas a partir do luns, día en que toda Galicia pasa á fase 3. Pero advertiu de que aínda hai unha "gran confusión", polo que lle esixiu ao Goberno central dar a coñecer "que competencias" terá, como presidente autonómico, durante a última etapa da desescalada.

Feijóo recoñeceu que "non sabe" se poderá ser "autónomo" para tomar esa decisión ou se "hai que solicitalo" ao Ministerio de Sanidade.

A Xunta solicitou formalmente ao Ministerio de Sanidade que se inclúa a autorización á mobilidade interprovincial na orde ministerial que publicará este sábado o BOE e pola que Galicia pasará á fase 3 da desescalada o vindeiro luns.

Por outra banda, Feijóo saudou que Sánchez se interesase por estudar os desprazamentos de persoas de fóra de Galicia cara a esta comunidade, unha postura "un pouco máis prudente" que a do delegado do Goberno, Javier Losada, que desmentiu que isto estivese a ocorrer.

"Hai concellos de costa, como Baiona ou Nigrán na ría de Vigo, e outros na ría de Pontevedra, onde se nos di que están a chegar persoas doutras comunidades autónomas e paréceme especialmente grave", asegurou.

Neste sentido, lamentou que isto ocorra mentres "a un galego non lle deixan ir dunha provincia a outra", ao que engadiu o risco que supón que acudan á comunidade galega, onde o virus está "controlado", cidadáns que veñan de territorios de distinta situación epidemiolóxica.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou xa na conferencia de prensa do domingo que, coa fase 3, a prioridade sería autorizar a mobilidade interna na comunidade, que ata este momento se limita ao territorio provincial.

Máis da metade dos españois estarán en fase 3

O vindeiro luns máis da metade dos españois, o 52 %, estará na fase 3 da desescalada, que pilotarán os gobernos autonómicos e que abre a porta á mobilidade entre provincias e a saír do estado de alarma antes do 21 de xuño, cando acaba a última e sexta prórroga.

Serán os residentes en Galicia, A Rioxa, o País Vasco, Asturias, Cantabria, Estremadura, Murcia, Navarra, Baleares, Andalucía, Canarias, Cuenca, Guadalaxara, Melilla e nas áreas sanitarias catalás de Alt Pirineu i Aran, Terres de l'Ebre e Camp de Tarragona os que gozarán desta fase, cada vez máis preto da chamada "nova normalidade".

Estes 25 millóns de persoas poderán:

• Saír a pasear ou facer deporte sen limitación de horario

• Reunirse en grupos de ata 20 persoas

• Os restaurantes ampliarán a súa capacidade ao 50 %, do mesmo xeito que o comercio ou os museos e salas de exposicións.

Segundo o acordado ao aprobarse a prórroga do estado de alarma, serán os gobernos autonómicos os que pilotarán esta terceira e última etapa da desescalada, e entre as súas prerrogativas estará o decidir se se permite a mobilidade entre as súas provincias.

"Entre as súas facultades está a de decidir cando acaba o estado de alarma na súa comunidade e empeza a nova normalidade", subliñou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, quen resaltou que esta decisión debería tomarse sempre que o aconsellen os datos epidemiolóxicos.

O director do Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias, Fernando Simón, explicou que, en principio, os presidentes autonómicos "terán que solicitar ao ministro" o fin do estado de alarma ou, "como mínimo, informar" da súa decisión.

A mobilidade internacional é tamén un factor decisivo na nova normalidade e por iso, España e Italia pediron á Comisión Europea que o levantamento das restricións nas fronteiras comunitarias se faga de forma coordinada e non discriminatoria entre todos os estados membros, en base a criterios epidemiolóxicos "comúns, claros e transparentes".

En calquera caso, o Goberno español mantén a data do 1 de xullo para abrir as súas fronteiras de forma segura, dixo a ministra portavoz, María Jesús Montero.

O resto do país entrará o luns na fase 2 da desescalada.

A Comunidad de Madrid, Barcelona e a súa área metropolitana e toda Castela e León pasarán o luns á fase 2 tras recibir o visto e prace das autoridades sanitarias. Albacete, Ciudad Real e Toledo seguirán en fase 2, do mesmo xeito que a Comunidade Valenciana.

O paso de Madrid e Barcelona á fase 2 o luns contribuirá a impulsar a actividade nas súas dúas comunidades autónomas que son, polo seu peso no PIB, motores da economía española.