CRTVG

Buscar

Galicia non comunica novos falecidos con covid−19 nunha xornada de suba de casos

Publicado o 15/04/2021 20:53
Galicia non comunica novos falecidos con covid−19 nunha xornada de suba de casos

A Consellería de Sanidade non notificou este xoves ningún novo falecemento vinculado coa covid−19 en Galicia. Isto ocorre por sexta vez nas últimas semanas e despois de case medio ano con vítimas diarias da pandemia. Entre finais de setembro e finais de marzo comunicáronse falecidos de forma diaria. Desde aquela súmanse seis xornadas sen comunicación de falecidos.

A segunda metade do mes de xaneiro e o inicio de febreiro foron os momentos en que máis mortes se rexistraron na terceira vaga, coincidindo co pico posterior ás festas do Nadal. Naquela etapa, notificáronse en varias ocasións máis dunha trintena de vítimas mortais diarias.

A cifra máxima comunicouse o 1 de febreiro, con 40 falecidos (aínda que correspondentes a varios días). Coa diminución na incidencia de casos e a progresiva inmunización a través da vacina ás persoas de máis idade e, principalmente, aos internos e traballadores das residencias de maiores, as cifras de vítimas mortais foron diminuíndo. De feito, a data deste xoves, non hai ningún usuario contaxiado coa covid−19 nas residencias, e só un traballador deu positivo.

O total de vítimas da covid−19 en Galicia está en 2.371. O último óbito rexistrouse o 13 de abril: unha muller de 78 anos que faleceu no CHUAC.