CRTVG

Buscar

O ocio nocturno non pechará nos concellos de risco medio

Publicado o 07/07/2021 13:50

• O acceso aos locais en zonas en nivel medio requirirá proba diagnóstica negativa ou certificado de vacinación

• Os concellos deberán pechar polas noites as zonas onde se practica botellón | A Xunta activa cribados sen cita previa

Galicia esixirá a presentación dunha PCR negativa nas 48 horas anteriores ao uso de locais de ocio nocturno nas localidades que estean en risco medio. Desta forma vaise permtir que pubs e discotecas poidan manter a actividade nestas vilas. Tamén servirá para poder acceder a estes locais un certificado de vacinación ou outra proba diagnóstica feita nos dous días anteriores que indique que a persoa non estaba contaxiada. 

Os efectos prácticos da medida anunciada este mércores é que Ourense poderá manter o lecer nocturno, que tamén poderá reabrir en Pontevedra, e funcionar igualmente nos outros oito concellos que se atopan en nivel medio na Comunidade (Culleredo,  Ribadavia, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Marín, Redondela e Salceda de Caselas).Os cinco en nivel alto (Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía) seguirán sen poder abrilo.

Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a Xunta aposta polo lecer "seguro" e considera que "o problema" reside en prácticas como o botellón ou aglomeracións "sen control". 

Precintar os espazos de botellón

Desde o sábado, as praias, prazas e parques onde se producen estas concentracións nocturnas de mozas para beber quedarán precintados, entre as doce da noite e o seis da mañá, do que se terán que ocupar os correspondentes concellos. . Segundo dixo o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña na conferencia de prensa en que explicou as decisións tomadas tras reunir o comité clínico, vaise procecer a esta medida pese a estaren xa prohibidas estas concentracións para beber en espazos públicos dado que está comprobado que son lugares en que hai "risco de expansión do virus". A medida aplicarase a partir das doce da noite.

O presidetente da Xunta Alberto Núñez Feijóo fixo este mércores un chamamento para que os mozos extremen as precaución e participen nos cribados. Son os máis novos "a poboación máis vulnerable neste momento". 

O conselleiro de Sanidade, pola súa parte, alertou tamén de que a desescalada "está en perigo" en Galicia polo incremento da incidencia entre os mozos, xa que agora o tramo de idade con máis casos é o de 12 a 29 anos, e pediu seguir respectando as medidas de seguridade.

Máis probas diagnósticas

Tras a reunión do comité, ademais de anunciar estas medidas, o conselleiro tamén dixo que se van incrementar os cribados nestas idades. A semana pasada convocouse máis de 20.000 persoas e só acudiu o 46,8 %, e por esa razón advertiu da "baixa adherencia" a estas probas. Ademais informou de que se establecerán puntos para facer tests de maneira voluntaria sen necesidade de cita.

Megagromo de Mallorca

O número de positivos continúa en 215 persoas, das cales a maioría corresponden á provincia de Pontevedra, con 144, e outras 173 persoas están corentenadas por seren contactos estreitos. Os nove que permanecen illados nun hotel de Mallorca "evolucionan favorablemente", segundo o conselleiro.

 


Noticias web

07/07/2021