CRTVG

Buscar

Galicia mantén a incidencia por debaixo de 100 na semana previa á fin do estado de alarma

Publicado o 04/05/2021 21:34

• O Sergas fará cribados a comerciantes e clientes nos mercados de Vigo

Galicia mantén, unha semana máis, a incidencia da covid por debaixo de cen. Todas as áreas sanitarias están nesa media ou moi por debaixo, ágas a de Pontevedra, polos gromos no Salnés, e a de Vigo, pola situación na área metropolitana. A covid na cidade botou o freo na última semana, pero non o suficiente para baixar a garda.

"En termos relativos, segue sendo alta. Nós teriamos que estar agora en 50 e estamos en 150", aseguraba o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O Sergas fará cribados nos mercados de Vigo nos próximos días. Este mércores, no Progreso e Teis, e o xoves, no Calvario e nas Travesas. Ofreceráselles facer unha PCR tanto aos comerciantes como aos seus clientes. A busca de asintomáticos continúa tamén nos colexios dos concellos onde se detecta unha suba inusual de casos. Este martes realizouse no colexio Nosa Señora de Atocha de Betanzos

"Entendemos que moita xente que lle toca varias veces seguidas porque os cribados son aleatorios, pero sería importante que a xente soubese que hai que acudir a todos aínda que non resulte agradable", aseguraba o durante este cribado o enfermeiro Alejandro Gallego.

Xunto ao esforzo diagnóstico, os expertos que asesoran a Xunta defenden a eficacia das restricións de horarios e de mobilidade aplicadas ata o de agora, pero a melloría da situación epidemiolóxica e a fin do estado de alarma suporá cambios. O comité clínico celebrará o xoves unha reunión extraordinaria para redefinir a súa estratexia a partir do 9 de maio.