Galicia inicia o ano cunha repunta de contaxios diarios e de casos activos
O comité clínico analizará o luns o impacto das festas na evolución da pandemia
O 2021 comeza coa esperanza que dá a vacinación da covid en marcha e co temor á unha terceira onda do virus antes de que se logre inmunizar a poboación, un camiño que levará tempo. A curto prazo preocupan os efectos das celebracións do Nadal na evolución da pandemia.
As autoridades falan dunha situación estable en Galicia pero cunha tendencia á alza que parece consolidarse nas últimas xornadas.
O próximo luns cos datos doutros tres días sobre a mesa o comité clínico terá máis datos cos que sacar conclusión sobre o que está ocorrendo. E en consecuencia fixará as medidas para o festivo de Reis e as restricións nos concellos.
O ano acabou cunha repunta de casos en varias áreas sanitarias. Á cabeza a de Vigo, con 110 positivos nun só día. Tamén houbo case un cento de diagnósticos novos na área da Coruña- Cee. Ambas superan o milleiro de casos activos, unha marca que segue liderando a área sanitaria de Santiago e A Barbanza con 1.342 persoas infectadas.
Por cidades, houbo un alarmante incremento de casos na Coruña despois de manter unha boa evolución durante case todo decembro que a situou varias veces preto da fin do peche perimetral.
E despois dun longo período descendendo volven repuntar os contaxios nos xeriátricos. Hai 135 maiores e 111 profesionais destes centros infectados. O último gromo, con oito casos detectouse nesta residencia da Coruña, a Santa Teresa de Jornet das Irmás dos Anciáns Desamparados. Pero o centro máis afectado é a Residencia de Domus VI en Vimianzo, onde xa son 58 os usuarios enfermos da covid.