CRTVG

Buscar

Galicia incrementa a ocupación dos locais para aproximarse ao 100 por cento

Publicado o 05/10/2021 13:50

• Será do 90 % no comercio, lugares de culto ou espectáculos

• Admítense ata dez persoas no interior e 20 no exterior na hostalería

• Bares e restaurantes coas medidas máis estritas poderán chegar ata o 90 % de ocupación

A ocupación dos locais públicos en Galicia, que o luns entrou en nova normalidade, van aumentar a partir deste sábado do 75 ao 90 % en termos xerais, coa intención de que en 15 días, un ciclo epidemiolóxico, estes poidan chegar a ser do cen por cento.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que é a "maior apertura" que posibilitan os bos datos epidemiolóxicos e que permitirán que as actividades de interior (comercio, academias, lugares de culto, cultura) poidan pasar dun tope do 75 ao 90 %, á parte de eliminarse o límite de grupos para a realización de actividades, por exemplo en ximnasios.

En canto aos espectáculos artísticos e musicais que se celebran en espazos pechados, será posible un 90 % de público sentado, mentres que de pé, algo ata o de agora non permitido, a posibilidade é do 50 %. Xa no exterior, o incremento é do 75 ao 90 % sentados e do 33 ao 66% de pé, quedando eliminado o límite dos 5.000 asistentes.

No transporte público, como xa estaba ao 100 % sentados, o que sobe é o 75 % en pé; mentres que en albergues pasarase do 50 ao 75.

Incremento da capacidade na hostalería

Na hostalería xa se permitirán reunións de 10 persoas en interior e 20 en exterior e, respecto á ocupación, en establecementos cun maior compromiso coas medidas anticovid−19 a opción é do 75 ao 90 por cento en interior e 100 % en terraza. Aqueles que optaron por un nivel de seguridade máis baixo poderán pasar do 50 ao 75 % no interior e do 75 ao 90 no exterior.

No lecer nocturno non hai cambios, ao ser o gremio onde hai "máis risco", segundo concretou o conselleiro, que agarda nunha quincena pasar a un escenario de "normalidade absoluta". 

Polo momento, os horarios de peche, a hostalería á 01:00, e o ocio nocturno ás 04:00, vanse manter, aínda que son susceptibles de revisarse.

"Volver á normalidade"

O conselleiro de Sanidade asegurou que "cada vez estamos máis preto de convivir co virus e que non condicione tanto as nosas vidas". García Comesaña avanzou que "se os datos seguen amosando este excelente comportamento, o lóxico sería volver á normalidade na maior parte dos aspectos, salvo, por exemplo, o uso da máscara ou o pasaporte COVID nalgúns sectores".

Eses avances baséanse en datos como o da inmunización, que xa chega ao 92,5 % da poboación diana; a incidencia acumulada, que é de 8,66 casos a 7 días; a positividade, que se sitúa por debaixo do 1,2 %, e son 290 os concellos nos que non se notificaron casos nos últimos 14 días e 249 na última semana.

O comité clínico que asesora a Xunta seguirá reuníndose semanalmente e xa non haberá división de municipios por niveis.

Os puntos de vacinación manteranse abertos en todos os centros hospitalarios en horario de mañá de luns a sábado, para que o que así o desexe poida programar o seu horario con autocita ou ben acudir sen ela.

Por último, acerca da terceira dose para maiores de 65 anos, a Xunta esperará ao pronunciamento do relatorio de vacinas, pero García Comesaña anticipou que "levabamos tempo preparándonos para iso" e, polo tanto, para unha potencial coincidencia coa campaña contra a gripe. "Pódese poñer coa da gripe", resolveu. 

Feijóo: quedan días para "cantar a normalidade ao cen por cento"

A "normalidade ao cen por cento" é cuestión de días, segundo dixo este martes en Vigo o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo durante o seu discurso na inauguración da 22ª Feira Conxemar.

"Onte tivemos comité clínico e o servizo de  microbioloxía do hospital Álvaro Cunqueiro referíanos que empezan a circular outros virus, o cal é un síntoma de convivencia entre o coronavirus e outros que antes, como consecuencia da prevalencia do coronavirus, quedaban con moi pouca manifestación", explicou o presidente.

Iso significa, engadiu, que desde o punto de vista microbióloxico, Galicia está xa nesa situación de normalidade, o cal, segundo Feijóo, deberá quedar reflectido nun importante e inminente incremento da capacidade, sobre todo en restaurantes e hostalería.

Noticias web

05/10/2021