CRTVG

Buscar

Galicia incorpora Navarra, Francia e o Reino Unido ao rexistro obrigatorio para viaxeiros

Publicado o 29/06/2021 17:30
Galicia incorpora Navarra, Francia e o Reino Unido ao rexistro obrigatorio para viaxeiros
EP 

A Xunta incorporou a Comunidade de Navarra,  Francia e o Reino Unido entre os territorios que calquera viaxeiro que chegue a Galicia debe notificar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). O 'Diario Oficial de Galicia' (DOG) publicou este martes a actualización da listaxe de países e comunidades autónomas con esta obriga, que implica que as persoas que entren na comunidade galega despois de estar nestes lugares nos 14 días anteriores deben comunicar, nun prazo máximo de 24 horas, os seus datos de contacto e estancia a través da web https://coronavirus.sergas.gal/viaxeiros ou do teléfono 881 00 20 21.

De acordo con esta listaxe, teñen que notificar ao Sergas as persoas que estivesen en catro comunidades autónomas: Andalucía, País Vasco, A Rioxa e Navarra, a última en incorporarse. En canto aos países de Europa, figuran un total de 19 --dous máis que hai 15 días--. En concreto, súmanse Francia, Irlanda, o Reino Unido e Rusia a unha listaxe onde se manteñen Acerbaixán, Andorra, Bielorrusia, Bélxica, Bosnia-Hercegovina, Dinamarca, Eslovenia, Grecia, Países Baixos, Kósovo, Letonia, Lituania, Suecia, Turquía e Xeorxia. Xa non figuran nin Chipre nin Estonia.

Ademais hai total de 29 estados americanos, outros 29 de Asia e todos os de continente africano. 

 Esta resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública entra en vigor este mércores, 30 de xuño, e actualizarase nos próximos 15 días naturais.

Noticias web

29/06/2021