CRTVG

Buscar

Galicia goza do San Xoán sen cacharelas nas praias, pero con sardiñas e churrasco

Publicado o 23/06/2021 21:47

EFE

Desaloxadas as praias atendendo aos dispostivos previstos para manter a orde durante a festa. A norma é común practicamente en todas as vilas e cidades da costa e poñía como hora límite para estar nos areais as nove do serán. Na Coruña xa non había case ninguén a esa hora. Alí pechábase o acceso á praia ás nove pero a quen estivese dentro a esa hora deixábanlle seguir ata as once. Unha hora antes da medianoite tiña que quedar baleira. Noutros lugares, no sur de Galicia, con mellor tempo, ou polo menos máis temperatura, si que houbo grande afluencia de persoas durante a tarde.

A noite de San Xóan recupera parte do seu esplendor na Coruña neste 2022. Récord de solicitudes de permisos  para facer sardiñadas e churrascadas nas rúas sobre todo en locais de hostalería ou eventos de diversas asociacións. Ata 600 na cidade e máis de 2.000 na área metropolitana contando con eventos privados. Non haberá cacharelas nas praias nin se pode acceder aos areais dende as 9 de noite, pero as ganas de festa percíbense no ambiente e tamén as de recuperar as tradicións o mellor que se poida a pesar das circunstancias destes tempos.

Este ano o San Xoán será algo máis íntimo e familiar con máis festas privadas e reunións espalladas polos distintos barrios da cidade. Os hostaleiros serán os encargados de animar a noite e recuperar a tradición en que agardan sexa unha boa xornada nestes tempos complicados. Para que todo transcorra sen incidencias, un dispositivo especial velará pola seguridade dos que particpan desta noite meiga.

Este ano tampouco están permitidas as cacharelas en espazos públicos nin nas praias, que dende as nove da noite quedaron baleiras con todos os seus accesos pechados.

Sen fogueiras por segundo ano en Panxón

O areal de Panxón e todos os do municipio de Nigrán están precintados desde as 9 desta noite ata a primeira hora de mañá do xoves. A festa está reservada, polo tanto, ao eido privado, onde arderán 56 cacharelas. Outro municipio pontevedrés con tradición de fogueiras moi concorridas é Poio, e alí os permisos concedidos ascenden a 142. Tamén nesoutro concello costeiro, haberá especial vixilancia das praias durante esta noite para impedir que se fagan lumes.

 

Noticias web

23/06/2021