CRTVG

Buscar

Galicia finalizará o luns o estado de alarma

Publicado o 12/06/2020 20:47

• É a primeira comunidade en entrar na nova normalidade

• Máis do 70% de España estará o luns en fase 3 | Madrid, Barcelona, Lleida, Ávila, Segovia, Soria e Salamanca quedan na 2 | Illa insiste: "A partir do día 21 remata o estado de alarma e non haberá restricións á mobilidade".

 

Galicia convértese no primeiro territorio que dá por finalizado o estado de alarma. Decidiuno esta mañá o Consello da Xunta.

"Dáse por finalizada a fase 3 da desescalada, e solicitamos deixar sen efecto o estado de alarma a partir do luns, 15 de xullo", dixo o presidente da Xunta ao finalizar a reunión do consello do Goberno galego. "Os informes avalan esta solicitude", asegurou.

Pouco despois de que Núñez Feijóo o anunciara, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmaba que Galicia reunía todas as condicións e que podía pasar á fase chamada de nova normalidade.

Defendeu que a taxa de contaxios por cada cen mil habitantes en Galicia é "dez veces inferior" á media española tanto no últimos sete días como no últimos catorce días e agradeceu que as autoridades sanitarias españolas destacaran o "excelente" traballo dos equipos galegos durante esta pandemia.

"Non é o final do camiño, e non podemos baixar a garda ata que haxa unha vacina ou un tratamento eficaz. E temos preparadas unha serie de medidas que serán publicadas no DOG de mañá para que entren en vigo xa o luns", afirmou Núñez Feijóo.

Entre estas normas, con carácter xeral, avanzou que seguirán sendo obrigatorias as medidas de hixiene, prevención e desinfección e limpeza en locais e instalacións comerciais, lúdicas e deportivas.

Ademais, anunciou un incremento xeral na posibilidade de ocupación ata o 75 por cento, en que, de todos os xeitos, seguirá sendo obrigatoria a distancia social de 1,5 metros e, se non é posible, o uso de máscara.

A Xunta tamén permitirá o uso dos parques infantís ao aire libre, non así os que se atopen no interior.

Nas actividades deportivas, á marxe das profesionais para as que o Goberno segue reservando a súa regulación, permitiranse capacidades de ata 300 persoas no interior e de ata mil persoas se son ao aire libre.

Estes límites aplicaranse tamén a outras actividades como mitins, xa que Galicia está en plena precampaña electoral para as eleccións do 12 de xullo.

E entre outras cuestións, que serán especificadas mañá no Diario Oficial de Galicia, tamén se permite a presenza de ata 60 persoas en velorios ao aire libre, 30 persoas en espazos pechados e 75 no caso de comitivas fúnebres.

O presidente avanzou, ademais, que decaen todas as limitacións ao dereito constitucional de reunión nos domicilios.

A Xunta promoverá o pago con tarxeta de crédito. 

O titular do executivo galego dixo, ademais, que lle pedirá ao presidente do Goberno o vindeiro domingo que especifique e impoña cautelas ao movemento de cidadáns entre comunidades que non están na mesma fase epidemiolóxica.

Deste xeito, considerou que tanto el como o seu partido tiñan razón ao pedir unha lexislación sanitaria que regulase esta cuestión á marxe do estado de alarma, xa que podería darse a circunstancia de que o próximo 21 de xuño haxa comunidades que accedan á nova normalidade directamente desde a fase dúas, advertiu.

Respecto á polémica sobre as residencias, Núñez Feijóo asegurou que é "evidente" que durante tres meses de estado de alarma e con mando único por parte do Goberno "o vicepresidente do Goberno de Asuntos Sociais (Pablo Iglesias) desentendeuse de todas as residencias da terceira idade".

"Non é unha crítica, é unha crónica do que ocorreu desde o 15 de marzo ata o de agora. En plena pandemia, en estado de alarma, con mando único non houbo ningunha instrución a pesar da existencia dunha vicepresidencia de Servizos Sociais... Paréceme inxustificable, incomprensible", dixo Núñez Feijóo. 

A Xunta promoverá o pago con taxeta de crédito e articulará medidas específicas para centros.