CRTVG

Buscar

Galicia estrea un novo réxime de restricións coa premisa de prudencia na desescalada

Publicado o 12/06/2021 15:15

• A Xunta aconsella que as reunións en exteriores non superen as 15 persoas e as 6 en interiores | Os bares xa poden abrir ata a 1 da madrugada

Galicia estrea este sábado un novo réxime de restricións. Desde esta pasada noite os bares xa puideron ampliar horario e abrir ata a unha da madrugada.Tamén se recupera , desde este sábado, a liberdade para facer reunións a calquera hora. Con todo, a Xunta recomenda prudencia e aconsella que as xuntanzas non sobrepasen as 15 persoas en exteriores e as 6 en espazos interiores.

A partir da media noite non haberá límites nin no horario nin no número de persoas non conviventes que podemos xuntarnos fóra ou dentro das casas. Na rúa hai moita xente que respira aliviada. Unha viguesa mostrase moi alegre ante a noticia porque lle permitirá reunir a toda a familia a xantar na súa casa despois de moito tempo.

Pero aínda que non está prohibido, a Xunta segue pedindo evitar os encontros de madrugada. E que os grupos non excedan de seis en interior e quince en exterior.

Un mozo cóntanos que prefire seguir facendo as reunións con sentidiño. Di que prefire gozar pero durante moito tempo e para iso hai que evitar dar pasos atrás coa contención da covid.
E entra en vigor unha das principais demandas dos bares, equiparar o horario cos restaurantes e abrir ata a unha da madrugada. Unha ampliación de horario que tamén agradecen os clientes, sobre todo os máis novos.

O responsable dun local de Compostela di que é unha noticia que agardaba hai moito tempo. Outro destaca que tentarán recuperar o antes posible a actividade normal agora que comeza a saír a xente co bo tempo e a chegar turistas á cidade. Considera un mal menor as medidas anticovid como o rexistro de clientes ou o medidor de CO2.

Unha ampliación de horario que tamén agradecen os clientes, sobre todo os máis novos. Unha rapaza apunta que a ampliación do horario dos bares seguramente reducirá as reunións clandestinas que estaba facendo moita xente.En terraza poderemos sentar xuntas ata quince persoas e no interior de restaurantes, bares e cafeterías o máximo serán seis.

Noticias web

12/06/2021