Galicia entra na fase 1 do desconfinamento
• Terrazas cheas no primeiro día de apertura ao 50 % de ocupación
• A reapertura do pequeno comercio anima a actividade nas rúas
• Desde hoxe permítese a libre circulación dentro de cada provincia
O 51 por cento dos españois entra hoxe na fase 1 da desescalada, en que se alixeiran as restricións de mobilidade: a non ser que a unidade de referencia sexa menor, os cidadáns nesta fase están autorizados para circular libremente por toda a súa provincia. Dende hoxe poden compartir vehículo todos os residentes nun mesmo domicilio. De non conviviren, deben ir como máximo dúas persoas por fila de asentos e cómpre levaren máscara, que é unha obriga para os usuarios do transporte público.
Na fase unha, todas as actividades deben cumprir as normas de hixiene e seguridade: manter distancia de dous metros, desinfectar frecuentemente, evitar aglomeracións... Permítense reunións de ata dez persoas, en principio, tanto na casa coma na rúa, sempre que non haxa positivos por coronavirus ou ninguén en illamento. Volve a atención domiciliaria e terapéutica. Polo de agora, mantéñense as franxas horarias para pasear ou facer deporte e as restricións ás visitas a usuarios de residencias.
Retómase a actividade comercial. Xa se pode ir sen cita previa aos establecementos de menos de 400 metros cadrados, que poderán ter dentro ata un trinta por cento dos clientes que collen no local. Abren os hoteis, con restricións nas zonas comúns. Volven as terrazas, á metade do seu aforo capacidade.
Acudir a un enterro e a un velorio será posible, pero non poderá haber máis de 15 persoas ao aire libre e de dez en interiores. Os lugares de culto abren a un terzo do seu aforo. É a mesma ocupación máxima permitida aos espazos culturais, museos, e teatros sempre que non superen as trinta persoas. No exterior, o límite para os eventos é de duascentas persoas. Un terzo de público é tamén o permitido para os mercados ao aire libre, co 25 por cento dos postos como moito. Os centros educativos poden abrir e os universitarios retomar a investigación. Tamén volven os ximnasios, pero con cita previa, as actividades de turismo activo e natureza e mais as bibliotecas. Con todo, non se permite aínda nin ir á piscina, nin a caza e a pesca deportivas.