CRTVG

Buscar

Galicia en Común non foi 3ª forza en ningún concello e en 122 foi superado por Vox

Publicado o 15/07/2020 08:26
Galicia en Común non foi 3ª forza en ningún concello e en 122 foi superado por Vox

As eleccións do domingo deixaron varias sorpresas. Unha delas é a desaparición do Parlamento do chamado espazo rupturista, que se presentaba ás eleccións baixo dúas papeletas: Galicia en Común (unha coalición de Podemos, Esquerda Unida e Anova) e Marea Galeguista (o que quedou de En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista). De 14 escanos de En Marea a ningún, algo que non prognosticou ningunha enquisa

Galicia en Común foi a cuarta forza política o domingo, pero non chegou nin ao 4 % dos votos, cando o mínimo para entrar no Parlamento é do 5 %. A Marea Galeguista obtivo menos de 3.000 votos e quedou en oitava posición, por debaixo do PACMA.

A quinta posición na clasificación foi para Vox, que obtivo pouco máis do 2 %. Con todo, o partido de Abascal chegou a superar a Galicia en Común en boa parte dos concellos galegos, sobre todo do rural. 

A coalición de Podemos, EU e Anova gañoulle a Vox en 191 dos 313 municipios, incluídas as sete cidades. O concello onde máis éxito tivo Galicia en Común foi Mugardos, cun 8,62 % dos sufraxios. Ribeira volve ser o municipio onde Vox saca máis votos: esta vez, un 5,1 %.

Nin un partido nin outro conseguiron chegar a ser terceira forza en ningún dos 313 concellos galegos.