Galicia é unha das comunidades con maior recuperación na demanda turística
• As pernoitas nos hoteis galegos medraron un 73 % en xullo
• A caída no número de visitantes é dun 10,7 %, 20 puntos menos ca a media nacional

Galicia segue mellorando as cifras de afluencia turística e no mes de xullo, os establecementos hoteleiros galegos recibiron 480.000 viaxeiros, case 20 puntos menos que a caída de visitantes no conxunto de España respecto a 2019.
Segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, se a baixada de turistas a nivel nacional o mes pasado foi de case o 30 %, en Galicia contívose cun descenso do 10,7 % en comparación co mesmo mes de 2019.
A melloría da situación vese tamén nas pernoitas, cun incremento no último ano do 73 %. Deste modo, a pesar da baixada do 13,5 % sobre as cifras de xullo do 2019, presenta 25 puntos menos fronte á caída de case o 40 % no número de noites no resto de comunidades no mesmo período.
Galicia sitúase ademais como a terceira comunidade con maior recuperación na demanda turística. Destaca o turismo interno porque a cuarta parte dos visitantes -máis de 116.700- foron galegos que fan turismo dentro da propia comunidade.
A continuación sitúase a Comunidade de Madrid, de onde chegaron a Galicia o mes pasado máis de 83.100 viaxeiros, o 17 % do total. Andalucía, Castela e León e Cataluña son as seguintes autonomías na clasificación.