Galicia e Castela e León, en risco baixo de transmisión da Covid-19
• A incidencia no conxunto de España baixa de 70

Galicia e Castela e León reduciron a súa incidencia ata entrar no risco baixo de transmisión do coronavirus. Ambas baixan a súa incidencia dos 50 casos por cada 100.000 habitantes. No caso de Galicia, non se atopaba nesta situación desde xuño.
O Ministerio de Sanidade rexistrou este venres, con datos achegados polas comunidades autónomas, 2.746 novos casos de coronavirus, dos que 1.223 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 1.307 rexistrados o xoves, o que eleva a 4.946.601 a cifra total de persoas contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia.
Respecto da incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue diminuíndo, situándose nos 69,37 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 71,86 notificado o xoves polo departamento dirixido por Carolina Darias.
En canto aos falecidos por Covid-19, notificáronse 44. Na ultima semana rexistráronse 186. Isto fai que a cifra global de decesos por coronavirus en España se eleve ás 86.229 persoas.
Actualmente hai 2.951 pacientes ingresados por Covid-19 en toda España e 837 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas producíronse 267 ingresos e 376 altas. A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 2,45 por cento e nas UCI no 9,20 por cento