CRTVG

Buscar

Galicia despide a quinta onda da pandemia con case o 90 % da poboación vacinada

Publicado o 18/09/2021 14:59

Galicia vai deixando atrás a quinta onda da pandemia con case o 90 % da poboación vacinada e a relaxación das limitacións. Os datos confirman a boa tendencia. Os contaxios volven baixar do cento por terceira vez neste mes. Ademais, xa non hai restricións no número de persoas que se poden xuntar, nin de día nin de noite, nin no ámbito público nin no privado. 

Con todo, o conselleiro de Sanidade pide prudencia e volve facer un chamamento a todas as persoas que están sen inmunizar para que o fagan esta fin de semana. "Aproveito a ocasión para animar a todos os que por distintas circunstancias non puxeron a vacina, que teñen mañá unha oportunidade especial, practicamente das últimas que imos ir tendo, porque, como saben, xa estamos traballando na terceira dose", asegura.

Segundo explicou, esta fin de semana están recibindo a segunda dose a poboación de 12 a 14 anos, coa que rematan os procesos organizados de vacinación masiva. Pero tamén poden acudir as persoas que aínda non recibiron ningunha dose, pedindo cita ou presentándose directamente no punto de vacinación.

"Mañá xornada de portas abertas, das últimas, para conseguir esa vacina e seguir sumando nunha porcentaxe que temos tan alta, Galicia é a comunidade que máis porcentaxe de poboación ten coa primeira dose, un 93,3... Hai que seguir, nós queremos rematar setembro co maior número de galegos e galegas coa primeira e a segunda dose posta", insiste García Comesaña.

Coas vacinacións masivas a piques de rematar e unha incidencia á baixa tanto a 14 coma a 7 días, a fin das restricións semella cada máis preto. Desde este sábado xa non hai límite nas reunións sociais e nos bares e cafeterías poden compartir mesa 8 persoas no interior e 15 fóra. Tamén se eliminaron as restricións para reunións nocturnas na rúa. Aínda así, Sanidade advirte de que os botellóns seguen prohibidos.

"Temos que seguir nesta liña de ir progresivamente, sempre co ollo posto nos datos e sobre todo na situación dos hospitais e da UCI. Temos un número importante de doentes ingresados na UCI, que non damos baixado ao que nos gustaría, que é cero evidentemente, e nese sentido hai que seguir sendo prudentes", engade.

García Comesaña tamén valorou a recuperación das citas presenciais na atención primaria, interrompidas hai 18 meses. O 47 por cento optou por acudir ao centro, e un 53 por cento preferiu manter a consulta por teléfono.

Noticias web

18/09/2021