Galicia relaxa as restricións tras superar dezanove meses de emerxencia sanitaria
• Os establecementos de lecer nocturno relaxan as restricións
• A hostalería recupera o consumo na barra e amplía horarios
Nesta xornada en que estreamos nova normalidade, tamén queremos lembrar o que vivimos. Unha dura etapa de 19 meses con imaxes e sons que nunca imaxinamos. Todo se desatou de xeito case inesperado hai xa mais de ano e medio, un 13 de marzo de 2020, coa declaración en Galicia do estado de emerxencia sanitaria.
E tan só 48 horas despois, o 15 de marzo de 2020, comezaba tamén unha situación inusual que nos levaría a 99 días de confinamento seguido nas nosas casas. O coronavirus impactaba, e de que xeito, nas vidas de todos nós. O silencio era o denominador común nas rúas de todas as cidades e vilas do país, de toda España, e pouco a pouco de case todo o mundo, durante semanas.
En marzo, abril e maio deixabamos, aínda que só por uns minutos, o silencio que nos acompañaba nas nosas vidas e ás 20 horas saíamos ás fiestras e balcóns para dar un sonoro aplauso a sanitarios e a todos os servizos de emerxencia que loitaban contra o inimigo común para vencelo: a covid-19, un agradecemento compartido por toda a sociedade.
E o 11 de maio de 2020 finalizaba o estrito confinamento domiciliario e facíase obrigatoria a máscara na rúa e nos interiores, que aínda agora, con máis permisividade, nos segue acompañando.
Nesa situación os galegos acudimos ás urnas en pandemia para elixir o novo goberno o 12 de xullo de 2020. Chegaba tamén a volta ao cole aínda coa ameaza da covid presente en setembro de 2020.
E por fin o 27 de decembro de 2020 a esperanza nun final, que se está a demorar un pouco, aparecía ao saír do túnel. Nieves Cabo era a primeira galega en recibir a nova vacina contra a covid-19 en pleno Nadal. Este 2021 chegaron máis vacinas, os denominados vacinódromos multitudinarios e xa mais do 80 % da poboación española conta polo menos cunha dose para lograr a inmunización contra o virus.
Son as imaxes e os sons dunha pandemia que nos mudou a vida.