Galicia continúa baixando o número de casos activos, pero repuntan as hospitalizacións
• A área de Vigo é a que máis baixa (-78) . Só medran a de Pontevedra (+20) e a de Ferrol (+13)
• A cifra de novos contaxios cae a niveis de comezos de outubro (+238)
Galicia continúa en tendencia descendente de casos activos. O Sergas comunica na súa web os datos consolidados onte ás 18:00: 7.806 casos activos, 98 menos ca onte. Houbo 238 contaxios, a cifra máis baixa dende o 15 de outubro.
ÚLTIMA HORA | Galicia continúa baixando o número de casos activos, pero repuntan as hospitalizacións. Máis información https://t.co/CVIxdoZTmN pic.twitter.com/98q1a08EWD
— G24 (@G24Noticias) November 30, 2020
Por áreas sanitarias a repartición quedaría:
• Vigo: 2.021(-78)
• A Coruña: 1.659 (-16)
• Pontevedra: 1.156 (+20)
• Lugo: 951 (-16)
• Santiago: 860 (-6)
• Ourense: 458 (-15)
• Ferrol: 701 (+13)
Baixan as UCI, soben os ingresos
As Unidades de Coidados Intensivos mantéñense por debaixo das 100 dende hai unha semana. Hai 78 persoas ingresadas (-3), unha cifra semellante á de comezos deste mes, en pleno aumento de ingresos hospitalarios.
Aínda que é cedo para dar nada por feito, os datos apuntan a unha tendencia descendente canto a ingresos nas UCI, que non pararon de medrar, a ritmo irregular, dende o comezo da segunda vaga.
Canto ás hospitalizacións en planta, houbo 18 máis, ata chegar ás 406. Son niveis próximos aos de finais de outubro.
Por desgraza, o número de vítimas continúa. Onte Sanidade notificou o pasamento de doce persoas por mor da covid−19.
A positividade, máis próxima ao 5 %
O número de PCR realizadas foi de 5.470, que son 1.443 menos ca onte e 673 menos que hai sete días. Tamén baixan os positivos ata os 238, a cifra máis baixa do último mes e medio.
No tocante á taxa de positividade (cantas persoas dan positivo na proba PCR por cada cen probas feitas), Galicia comeza a consolidarse ao redor do 5 %, o limiar recomendado pola OMS para controlar a pandemia. Hoxe a taxa sitúase no 4,35 %, o cal dá unha media na última semana de 5,75 %.