CRTVG

Buscar

Galicia contará no verán cunha estratexia contra a soidade non desexada

Publicado o 26/04/2021 14:35

Galicia prevé aprobar "entre xuño e xullo" a Estratexia para a atención á soidade non desexada, "a primeira dunha administración pública". Segundo avanzou o presidente da Xunta, trátase de combater un problema que afecta 126.000 galegas e galegos.

Durante unha xuntanza de traballo con distintos colectivos sociais, Alberto Núñez Feijóo tamén anunciou a próxima convocatoria dunha mesa con entidades locais para "pechar" un documento que "sexa de país".

Na súa intervención, apelou a formar "unha grande alianza contra a soidade" e destacou que a proposta galega seguirá cinco liñas estratéxicas: a prevención, a detección, a intervención, a visibilización e a cooperación.

"O obxectivo é que todos os maiores se sintan arroupados e que pague a pena o esforzo de converternos en pioneiros para coidalos", dixo.

Ademais, o titular da Xunta lembrou que o Goberno galego desenvolve iniciativas neste ámbito desde hai anos, como as políticas destinadas ao envellecemento activo ou a posta en marcha das casas do maior. Tamén fixo referencia á atención domiciliaria ou ao servizo de axuda no fogar, "cun investimento de máis de 83 millóns de euros e 24.000 beneficiarios", asegurou.

Fomentar a participación

En representación das entidades, Paula Sande, do centro de formación permanente de persoas adultas Ategal, incidiu na importancia da linguaxe á hora de abordar esta problemática e apelou á atención da diversidade, para ofrecer ferramentas personalizadas.

Considera preciso fomentar a participación deste grupo poboacional en distintas actividades para que atopen "motivación". Ademais, aposta por involucrar a toda a sociedade na súa atención, "sen grupos estancos de idade", coa posta en marcha dunha "rede de voluntariado".