Galicia contará este verán cunha unidade específica para investigar os delitos relacionados co lume
Galicia xa ten activado o plan de prevención de incendios forestais que este ano está dotado con 30 millóns de euros destinados á limpeza de terreos e a adquisión de medios para a extinción dos lumes. Con todo, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez Vázquez, lembra que o 98 por cento do territorio está en mans de particulares e por iso insiste en que a concienciación cidadá é fundamantal para previr os lumes.
"Non ter as parcelas e as leiras abandonadas, atender as normas e as recomendacións lexislativas que espallamos continuamente en distintos medios de comunicación no tocante a manter a distancias das plantacións forestais, manter a biomasa das súas plantacións xestionada", asegura Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Defensa do Monte.
Sobre o número de efectivos que traballan na extinción, Rodríguez Vázquez destaca que o importante é seguir avanzando na profesionalización do persoal, e adiantou a creación dunha unidade de axentes medioamientais específica, con funcións policiais, para combater os incendiarios.
"Vaise crear unha unidade dependente exclusivamente da dirección xeral, de Santiago, precisamente para afondar na especialización dos nosos axentes medioambientais nos labores, nos eidos de investigación, estamos nesa liña", di Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Defensa do Monte.
O director xeral de Defensa de Monte non cre necesario cambiar de estratexia na loita contra o lume. Considera que o obxectivo vaise conseguindo, xa que Galicia, di, pasou dos 25.000 incendios que se rexistraban hai 15 anos aos 2.000 da actualidade.
"Tampouco podemos caer en mensaxes catastrofistas de que todos os anos é o mesmo e que é unha guerra perdida, non é asi, é unha guerra longa pero que ano tras ano se está a gañar" asevera Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Defensa do Monte.