Galicia confirma 14 mortes máis nunha xornada de récord de casos activos (10.864)
• Supera xa o pico de novembro tras sumar 1.169 contaxios
• Dispárase a presión hospitalaria: hai case 600 ingresados (+50)
O Servizo Galego de Saúde informou do falecemento de catorce persoas na xornada de hoxe, o que sitúa a cifra total de mortes en 1.499 desde o inicio da pandemia en Galicia.
Os decesos son os dun home de 96 anos no Hospital Comarcal de Valdeorras, unha muller de 77 anos no CHUAC, un varón de 64 anos no CHUVI, un home de 69 anos no CHUF, un varón de 91 anos no CHUAC, unha muller de 86 anos no CHUVI -procedente da Residencia Paz y Bien de Tui- e un home de 84 anos no CHUVI, procedente do mesmo xeriátrico.
En centros residenciais falecían unha muller de 89 anos na Residencia San Bartolomeu de Xove, unha muller de 93 anos no Centro integrado CEGADI -procedente do asilo de Ribadeo-, unha muller de 97 anos na Residencia DOMUSVI de Vimianzo, un varón de 78 anos na mesma residencia, unha muller de 92 anos na Residencia integrada CEGADI -procedente da residencia DOMUSVI de Ribeira- e un home de 78 anos tamén na Residencia integrada CEGADi e procedente da residencia DOMUSVI de Ribeira.
Segundo informa Sanidade, todas elas presentaban patoloxías previas.
Xornada de récord en casos activos
Santiago, Ourense e A Coruña, tanto as cidades como as áreas sanitarias das que son cabeceira, son as que teñen nestes momentos a maior incidencia da covid. Acadan ou superan os 400 casos por cada cen mil habitantes. Os contaxios disparáronse e xa non son só efecto das festas.
Pero o de Ourense non é un caso illado. O efecto das celebracións elevou a incidencia da covid por riba do 500 casos en 70 concellos de Galicia. E as consecuencias nótanse, e moito, nos hospitais "estamos sufrindo unha gran presión asistencial, tanto nas unidades de hospitalización como nas de críticos, que sería o punto máis dfiicil e que cómpre preservar máis", asegura Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Ferrol.
Unha tensión asistencial que se seguirá notando ata varias semanas despois de que remitan os contaxios. E cando pode comezar a aplanarse a curva? "Eu espero que a partir das próximas semanas os casos vaian baixando", responde a inmunóloga, África González.
Galicia vai camiño dos 11.000 casos activos de covid. Superamos o pico da primeira vaga do virus aínda que daquela a capacidade diagnóstica era moito menor.