Galicia comeza este martes a inxectar a terceira dose nas residencias de maiores
• Nieves Cabo, a primeira galega en recibir o soro hai nove meses, será tamén a primeira con tres doses
Este martes comezan a poñerlle a terceira dose da vacina aos usuarios de residencias de maiores de Galicia. A residencia Porta do Camiño de Santiago será a primeira onde se inxectará a dose de reforzo da vacina da covid . Xa foi o lugar elixido para comezar o proceso de vacinación dos maiores usuarios de centros asistenciais hai agora nove meses. A cita será ás dez da mañá e Nieves Cabo, a primeira galega en recibir o soro, será tamén a primeira dos 22.000 usuarios de residencias en ter as tres doses postas. A partir do mércores, a campaña da dose de reforzo estenderase ao resto dos xeriátricos do país.
Un novo paso na campaña de vacinación contra a covid que xa chegou, con pauta completa, a preto do 92% da poboación diana. A incidencia descende parella ao aumento da poboación vacinada. Os expertos calculan que en cuestión de días estará en Galicia por debaixo de 50 casos por cada cen mil habitantes. O reto é ir sumando cada día territorios libres de covid.
"Concellos sen casos e máis concellos sen casos ata que poidamos chegar a un, dous, tres casos, cero casos na comunidade, que sería ter controlada a pandemia. Todo isto con permiso das variantes, que non nos veña outra variante que nos dea unha reviravolta". explica o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal.
Vacinarse é imprescindible para cortar a transmisión do virus , que pode seguir dando sustos mentres non haxa un soro para inmunizar os máis pequenos. É o caso de Foz, onde se detectou un gromo no colexio O Cantel que obrigou a pechar varias aulas.
"Afortunadamente puidose acoutar eses grupos. E ainda que hoxe xa temos algo máis de 40 casos esperamos que nos vindeiros días se estabilice e empece a baixar", informa o alcalde, Francisco Cajoto.
O gromo neste colexio elevou a incidencia da covid neste concello da Mariña por riba dos 400 casos por cen mil habitantes.