CRTVG

Buscar

Galicia comeza a vacinar esta semana o grupo de 65 a 69 anos

Publicado o 02/05/2021 14:23

A principal novidade é que esta semana que entra xa se comezará a vacinar o grupo de 65 a 69 anos, algo que moitos esperan como auga de maio. O Sergas espera recibir a próxima semana, 139.000 vacinas. A maioría serán de Pfizer, 122.000. De Moderna, chegarán 17.000.

Polo de agora, non está previsto que cheguen nin de Janssen nin de AstraZeneca, aínda que no Sergas indican que isto pode variar durante a semana porque a subministración destes laboratorios sempre é máis imprevisible. Con estas doses poderá seguirse avanzando no proceso de vacinación.

Esta semana que entra 190.000 persoas recibirán a súa primeira dose. A maioría serán dese grupo de 65 a 69 anos, que comeza así a beneficiarse da vacina. Concretamente, están chamadas 119.000 persoas. De non haber imprevistos, o Sergas conta con ter vacinadas todas as persoas desta idade cunha dose en dúas semanas.

Seguirase avanzando ademais no grupo de 60 a 65 anos. Neste caso son 71.000 as persoas convocadas para recibir unha das fórmulas contra o coronavirus.