CRTVG

Buscar

Citan entre venres e sábado a 90.000 galegos de 66 a 69 anos para a primeira dose

Publicado o 03/05/2021 18:10

Galicia ten preparados xa 14 puntos de distribución para retomar este martes as vacinacións masivas. Ata o final da semana, está previsto administrar 245.000 doses. Farase un dispositivo especial nas sete grandes cidades, en colaboración coa Garda Civil, a Policía Nacional e as policías locais.

"Necesitamos a súa colaboración, que xa se demostrou moi efectiva nas anteriores citas. A partir de mañá, e esperamos que durante moitísimo tempo, vai haber unha vacinación masiva, que é a saída a todo isto", explicou Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta.

A finais da semana incorporase á campaña de vacinación o grupo de poboación de 65 a 69 anos. Están citados para o venres e o sábado uns 90.000 para recibiren a primeira dose. Ademais seguirase citando os que teñan entre 60 e 65 e 70 e 79.

Agora mesmo preto de 360.000 galegos teñen posta a pauta completa, algo máis dun 16 por cento da poboación diana.