Galicia celebra a festa das súas letras recordando a figura de Antonio Fraguas
• O profesor está a ser honrado na súa vila, Cotobade, e en todo o país
• Programación especial na Televisión de Galicia e a Radio Galega

A Real Academia Galega celebra este 17 de maio o Día das Letras que dedica a Antonio Fraguas na súa terra natal, Cotobade, que hoxe conforma un concello único con Cerdedo, e no lugar de Famelga, onde hai unha carballeira, será honrado un profesor moi querido que ao ocupar na institución con sede na Rúa Tabernas a cadeira de Castelao dixo sentir un "medo tremendo".
Ocorreu o 8 de maio de 1956. O etnógrafo, xeógrafo, historiador e docente deu lectura na sesión de recepción a un discurso que levaba por título "As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán", un texto fantástico fiado, precisamente, con versos populares.
Con motivo desta efeméride e dos 63 anos daquela cerimonia, a RAG publicou en versión dixital o orixinal e o manuscrito da resposta que lle deu Otero Pedrayo.
Antonio Fraguas ocupou aquela tarde a cadeira do seu mestre Castelao, do que foi primeiro alumno no instituto de Pontevedra e despois compañeiro no Seminario de Estudos Galegos.
Iniciou Fraguas a súa quenda de palabra cunha mostra de admiración cara ao seu predecesor, que polo seu falecemento deixara ese baleiro, que quizais fose mellor "deixar vacante" ata que "outro artista como el, ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas", puidesen ocupar tal lugar, o do "amigo Daniel".
O pánico vai aumentando "a medida que, sen querer, hai que facer unha comparación", dixo Fraguas con grande humildade e cunha erudición desposuída de todo engreimiento.
A súa vida e obra enchen as librerías do país con títulos para todas as idades, xa sexa desde o sector editorial, como a biografía que asina Malores Villanueva para Galaxia, "Antonio Fraguas. Mestre da Memoria", ao libro escrito por Héctor Cajaraville para Xerais "Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo", ata a iniciativa do Consello da Cultura, que ofrece na rede un amplo itinerario para coñecer a través de 40 lugares as manifestacións do rico patrimonio cultural que o distinguido divulgou e preservou.
E, retrocedendo no tempo, sendo aínda estudante de bacharelato en Pontevedra, Antonio Fraguas fundou en abril de 1924, xunto a outros compañeiros, a Sociedade da Lingua. Fíxoo polo seu compromiso coa lingua propia, e por iso o instituto da localidade de Cotobade quixo construír simbolicamente outra similar, a fin de reivindicar medidas para frear a perda da transmisión interxeracional do galego.
Tamén en Lugo o van recordar con emoción. En 1950 empezou a traballar como catedrático de Xeografía e Historia no Instituto Masculino. Fraguas entrou na aula dicindo que os alumnos eran en realidade os importantes. "Nunca tal cousa escoitaramos", rememora o empresario Xulián Parga.
Así era, un educador moi querido por moitas xeracións que, con motivo da súa entrada na RAG, despediuse da seguinte maneira: "Viva, viva quen me axuda/viva quen me está axudando/vivan vos señores todos/que me están acompañando!". Así era a calidade humana deste fino estilista da palabra.