Galicia buscará alianzas na UE fronte ás consecuencias do 'brexit' na pesca
Acaba de crearse en Santiago o grupo de traballo sobre o brexit do Consello Galego de Pesca. O presidente da Xunta e a conselleira do Mar participaron nesta primeira sesión de traballo. O obxectivo é comezar a traballar nos efectos indirectos da saída do Reino Unido da Unión, no que se refire á recolocación das distintas frotas que traballaban naquelas augas e mesmo como repercute na regulamentación doutras pesqueiras.
Galicia busca aliados entre as principais rexións pesqueiras europeas para a súa posición, nomeadamente Bretaña e Irlanda.
"Temos un obxectivo: que a posición de Galicia sexa coordinada, sustentada e que busque aliados dentro das rexións europeas dos países que teñan un impacto na pesca salientable", afirmou Alberto Núñez Feijóo.