CRTVG

Buscar

Galicia aumenta un 60 % os ingresados por covid-19 en UCI nunha semana

Publicado o 05/08/2021 11:42
Galicia aumenta un 60 % os ingresados por covid-19 en UCI nunha semana
EFE

Galicia alcanzou ao pico de infectados por coronavirus da quinta onda o pasado domingo, con 18.964 positivos, un límite ao que aínda non chegaron as unidades de críticos nos hospitais, que este xoves rexistran 56 enfermos de covid-19 ingresados, un 60 % máis que hai unha semana.

Segundo o Servizo Galego de Saúde, ata as 18:00 horas deste mércores había nas unidades hospitalarias de críticos 56 enfermos de covid-19, seis máis que o día anterior, mentres que en planta o número descendeu en sete persoas, ata as 250.

Con estes novos ingresos, a porcentaxe de camas ocupadas en UCI por enfermos da pandemia chega en Galicia ao 6,98 %, fronte ao 20,76 % da media do Estado. A diferenza das xornadas precedentes, o número de recuperados da infección ou a enfermidade non conseguiu neutralizar o aínda elevado número de contaxios, que se sitúan de novo por encima dos mil diarios (1.110, 69 máis), polo que o número de persoas afectadas sobe lixeiramente ata as 18.643 (21 máis).

O aumento da mortalidade volve caer, aínda que hai que sumar dous novos decesos, fronte a cinco o día anterior e a dez a xornada precedente. Tamén descende a incidencia acumulada, tanto a dúas semanas como a sete días; aínda que o fai a un ritmo menor que a media de España, con Galicia por encima en ambos os casos.

Deste xeito, Galicia rexistra 643,8 casos a 14 días por cada cen mil habitantes por 633,07 no conxunto de España; e 273,89 a sete días por 265,78 de media no Estado, segundo os datos difundidos onte mércores polo Ministerio de Sanidade.

Desde o inicio da epidemia contaxiáronse en Galicia 162.132 persoas, das que se recuperaron 141.036 e faleceron 2.481, dúas delas notificadas nas últimas horas. A taxa de positividade descende nesta xornada e sitúase no 7,46 % entre o conxunto das 14.860 probas de detección de calquera tipo realizadas nas últimas 24 horas.

Noticias web

05/08/2021