Galicia aumenta en 11 os casos activos de coronavirus e suma en total 260
Por sétimo día consecutivo volven medrar os positivos por coronavirus no conxunto de Galicia. Son xa 260 casos activos, once máis dos que había onte.
As áreas sanitarias de Lugo e da Coruña son as máis afectadas. O menor número de casos rexístranse en Ourense e Ferrol.
Dos 260 casos, 250 están en seguimento nos seus domicilios, nove permanecen en unidades hospitalarias e hai unha persoa ingresada na UCI.
Os falecidos por coronavirus mantéñense en 619 e as persoas curadas son 11.262.
A área de Lugo segue sendo a que rexistra máis positivos, cun total de 80, os mesmos ca onte.
Séguelle a área sanitaria da Coruña, que ten 76 casos positivos, cinco máis dos que había onte.
Na área sanitaria de Vigo hai 49 casos activos, un menos ca onte. Aquí está a única persoa ingresada en UCI.
A área de Pontevedra ten outros 23 casos, tres máis ca onte.
Soben tamén os casos na área sanitaria de Santiago-Barbanza, que rexistra 23 positivos, dous máis dos que había onte.
Sanidade dá por controlado o brote de Arzúa, que afectou seis persoas da mesma familia pero que non está relacionado con outro gromo de hai unha semana e que afectara outras tres persoas.
Onde hai menos casos de coronavirus é nas áreas sanitarias de Ourense e Ferrol. A primeira delas, con 7, rexistra un máis ca onte; a segunda, con só dous casos, ten tamén un máis ca onte.