Galicia, ás portas da nova normalidade cunha incidencia de 27 casos
• A Rioxa e Andalucía entran no risco baixo de transmisión da covid
• O conxunto de España, cunha incidencia de 57, está próximo a alcanzar o nivel baixo

Galicia sitúase ás portas da nova normalidade, que se establece para aqueles territorios que teñen unha incidencia menor a 25 casos por cada 100.000 habitantes. De continuar a tendencia actual, sería a segunda comunidade en entrar neste nivel, no que xa se atopa Asturias, tras a quinta onda epidémica.
Por outro lado, as comunidades de Andalucía e A Rioxa entraron no risco baixo de transmisión da covid. O único territorio español cunha incidencia superior a 100 é a cidade autónoma de Melilla.
O Ministerio de Sanidade rexistrou este venres, con datos achegados polas comunidades autónomas, 2.037 novos casos de coronavirus, dos que 877 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 1.124 rexistrados o xoves, o que eleva a 4.961.128 a cifra total de persoas contaxiadas de Covid-19 desde o inicio da pandemia.
Respecto da incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue reducíndose, situándose nos 57,91 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 59,02 notificado o xoves polo departamento dirixido por Carolina Darias.
Canto aos falecidos por Covid-19, notificáronse 48. Na última semana rexistráronse 112. Isto fai que a cifra global de decesos por coronavirus en España se eleve ás 86.463 persoas.
Actualmente hai 2.403 pacientes ingresados por Covid-19 en toda España e 675 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas producíronse 188 ingresos e 264 altas. A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 1,99 por cento e na UCI no 7,45 por cento.